Xurés

PrinterSend to friendPDF version

Xurés

Neftalí Platas García (Fotos: José A. Armesto)

Image

Datos do mapa © dos colaboradores do OpenStreetMap, CC BY-SA

Localización:

O Parque Natural “Baixa Limia-Serra do Xurés” (declarado como tal no ano 1993) sitúase no suroeste da provincia de Ourense e esténdese polo sector extremo da comarca da Baixa Limia. Conta cunha superficie de 20920 hectáreas e abrangue as zonas máis elevadas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, que forman fronteira con Portugal onde se atopa o Parque Nacional da Peneda-Gerês

Descrición do lugar

Un dos grandes atractivos deste parque é a súa paisaxe, característica das serras do Noroeste da Península Ibérica, que conxuga unhas serras agrestes con outras suaves nas que a pedra granítica destaca pola súa grandeza. Esta contrastada e variada configuración paisaxística outórgalle a este parque unha cualificación ecolóxica excepcional. A forma paisaxística máis característica é a formada polos “bolos” graníticos denominadas “pedras cabaleiras”.

A auga é outro dos elementos físicos que ten unha presenza importante neste parque. Por unha banda, os regatos orixinados pola forza das augas da chuvia discorren polas gretas das serras formando saltos de auga espectaculares. Por outra, destacan os encoros (Salas ou Lindoso) e as augas mineiro-medicinais que fan posible o desenvolvemento do termalismo, no que destacan as Termas de Lobios.

Image

Image
 
Image
 

Image

 
Image
 

Image

 

Image

 
Image
 
Image
 

Image

 
Image
 
Image
 
Image
 
Image

Clima

Baixa Limia-Serra do Xurés é unha área moi orixinal porque se encontra en plena transición entre as rexións Eurosiberiana e Mediterránea. O clima é oceánico occidental (no val do Limia) e oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 1.000 a 2.500 mm (segundo a altitude) e temperaturas medias de 8 a 15 ºC. Neva con frecuencia nas cumes e alcánzanse temperaturas especialmente baixas na parte oriental.

Flora e Fauna

Malia a uniformidade do substrato existe unha gran variedade ecolóxica. A comarca da Baixa Limia sitúase nunha zona de transición entre dúas grandes rexións florais europeas: a eurosiberiana (provincia atlántica) e a mediterránea (provincia carpetano-leonesa). Debido a isto, a vexetación que atopamos alterna bosques de árbores caducifolias, características de condicións climáticas húmidas, e de folla perenne, pero tamén están presentes a sobreira ou o albedro, máis adaptados á falta de auga durante determinados períodos do ano.

Nas partes baixas aparecen bosques de carballos e sobreiras. O mato está formado nestas zonas por xestas, toxos e algunhas especies de esixencias mais térmicas como estevas e albedros. Ao aumentar a altura, o rebolo substitúe paulatinamente o carballo e aparecen outras árbores coma acivros, teixos, albedros, bidueiras, piñeiros silvestres e plantas herbáceas de escasa cobertura.

A fauna é variada debido aos contrastes paisaxísticos do parque natural, que coa súa diversidade orográfica e a variada vexetación, permitiron a aclimatación e forneceron refuxio para moitas especies. Porén, a acción incontrolada do home provocou a extinción do oso ou da cabra do Xurés cuxa reintrodución se está tentando levar a cabo de novo.

Na actualidade están censadas máis de trinta especies de mamíferos e cento corenta aves. Destacan: lobo, xineta, garduña, raposo, corzo, xabaril, miñato negro, moucho real, moucho das orellas, falcón, aguia real. Nas zonas húmidas que rodean a serra atopamos cegoñas e garzas; nos ríos, lontras; e nos encoros, varias especies de anátidas.

Entre os animais domésticos da comarca poden sinalarse dúas razas de vacas autóctonas: a “barrosa”, en Portugal e maila “cachena”, típica da vila ourensá de Olelas (Entrimo), ambas as dúas en perigo de extinción.

A poboación

A poboación actual dos tres concellos que integran o Parque Natural suma un total de 6300 habitantes, que se reparte entre Entrimo, Lobios e Muiños. Trátase dunha poboación regresiva, na que predominan os maiores de 60 anos sobre os menores de 20 anos.

A poboación non se distribúe uniformemente por toda a zona. Vilas, aldeas e lugares concéntrase polo baixo val do Limia e dos seus principais afluentes, como corresponde a un patrón de poboación con economía agropecuaria. En contraste, existen outras zonas despoboadas dentro da comarca, sobre todo na parte superior das serras coa excepción dalgunhas aldeas gandeiras espalladas e con poucos veciños (Alvite, A Cela, Queguas ou Bouzadrago).

As actividades agrogandeiras representan a ocupación máis importante, organizadas en explotacións maioritariamente familiares, que significan máis da metade dos postos de traballo. O sector servizos, sobre todo hostelería, comercio, transporte e turismo ocupa o segundo lugar na economía de zona.

Patrimonio

A comarca da Baixa Limia é unha zona que conta con importantes e valiosos vestixios do pasado. O patrimonio arqueolóxico, etnográfico e histórico remóntase ao Paleolítico, con indicios dun primeiro poboamento humano de cazadores e recolectores nas terrazas da veiga de Lobeira e de Riocaldo.

De acordo cos estudos realizados, a primeira ocupación efectiva tivo lugar a partir de mediados do IV milenio a. C., cando se asentaron pastores e agricultores nesta zona que deixaron numerosos monumentos megalíticos, presumiblemente de entre o 3500 e o 2000 a. C. (antas, arcas, mámoas, dolmens, panteóns funerarios, etc.) que se distribúen polo val do Salas, a Serra de Leboreiro, a Serra das Motas, a Serra de Queguas, Pisco, Monte das Motas, Galez, etc.

Atopáronse tamén manifestacións dos primeiros pobos metalúrxicos do cobre, época coñecida arqueoloxicamente como Calcolítico. Sen dúbida, os xacementos da cultura castrexa son os de máis sona e neste punto destacan os castros de Taboadela en Barxés (Muíños), Outeiro da Cela en Mugueimes (Muiños), o xacemento do Castelo en Galez ( Entrimo) ou o xacemento do Monte dos Castelos.

Coa chegada dos romanos a Galicia, esta comarca cobra especial interese, ao ser lugar de paso da vía XVIII que unía as antigas capitais de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) utilizando o paso de Portela de Homem. O proceso de romanización déixase sentir a través das construcións civís que aínda perviven: campamento romano e mansión viaria de “Aquis Querquennis” ( Bande), Baños de Riocaldo (Lobios), mansión viaria dos Baños de Riocaldo ou “ Aquis Originis” ( Lobios) ou os miliarios, isto é, pedras cilíndricas ou monolitos que servían para marcar as distanzas e, en ocasións, para render culto ás autoridades (Lobios).

Outras mostras do pasado son a igrexa visigótica de Santa Comba (Bande) do s. VII, os restos dos castelos feudais da Vila (Lobios) e o Monte dos Castelos (Entrimo). Tamén hai abundantes mostras de arquitectura relixiosa como a igrexa de Santa María a Real (Entrimo), santuario dos Milagres (Muiños), igrexa de San Mamede en Grou (Lobios), igrexa de San Miguel en Fondevila (Lobios), igrexa de San Salvador en Prado de Limia (Muíños) e a ermida de Nosa Señora do Xurés (Lobios, século XV). Ao seu carón, destacan tamén obras civís como a ponte do Casal, a ponte de Pacín, a ponte de Covas, a ponte vella de Porto pequeno, todas en Entrimo, ou as pontes de Ganceiros e de Carballedo de Torno, no concello de Muíños.

As vivendas tradicionais de Baixa Limia ofrecen unha evolución arquitectónica que se inicia coas casas de planta baixa e un único recinto interior. Dentro delas convivían persoas e gando, separados por un valo de madeira que posteriomente se substitúe por unha parede de pedra, o chamado modelo “de planta terrea”. Un modelo máis evolucionado constitúeno as casas de dúas plantas. A baixa albergaba as cortes e a outra estaba compartimentada en cuartos, e accedíase a ela por medio dunha escaleira de pedra exterior (casa das serras). Outras vivendas semellantes a esas inclúen unha solaina, corredor exterior situado cara ó oriente. Finalmente,as vivendas de dúas plantas compartimentadas en diversas dependencias e cun balcón exterior de dimensións que acadaban a totalidade da fachada (casa meridional).

Image

Bibliografía:

  • Baixa Limia Serra do Xurés Parque Natural. Consellería de Medio ambiente. Xunta de Galicia.
  • XOSÉ RAMÓN MARIÑO FERRO e XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ REBOREDO (2010): Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Vigo, Nigratrea.
  • http://centros.edu.xunta.es/ceipdoxures/entrevista.html

 

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer