As Termas

PrinterSend to friendPDF version

Mª Jesús Esteban Quiñoá

Xunto á beira esquerda do Río Miño atópanse os restos do que no seu día foi un importante edificio termal que aproveitaba un manancial de augas salutíferas que saen a unha temperatura de 48,5ºC e, ao mesmo tempo, as frías augas do río. As augas termais son empregadas con fins terapéuticos e medicinais aínda hoxe en día no Hotel Balneario de Lugo.

ImageAta os últimos traballos arqueolóxicos, pensábase que eran unhas termas modestas de carácter provinciano e afastadas dos modelos do Imperio. Aínda que faltan moitos datos por estudar e analizar, sabemos que o conxunto edificado tería polo menos uns 2 500 m2, sen contar coa palestra que estaría na área sur-oriental. Situadas no eixo paralelo ao río, teñen un espazo porticado e unha basílica no extremo e catro estancias abovedades franqueando unha piscina. De seguido habería unha estancia cadrada e circular con ábsidas, que podería ser o laconium. Por último, no patio traseiro do Hotel Balneario, situaríase un patio aberto porticado cunha gran piscina no centro, no que se atoparon catorce aras dedicadas ás Ninfas.

Nas instalacións termais da época romana había unha sala para baños quentes (cella caldaria ou caldarium), outra para baños fríos ( cella frigidaria ou frigidarium) e entre elas unha terceira con calor moderada ( cella tepidaria ou tepidarium).

Nas termas de Lugo non tiñan necesidade de sistemas para quentar a auga (hypocaustum e prafurnium) pois aproveitaban as augas do río e do manancial termal, cousa que non sucedía, por exemplo, nas termas de orixe privada atopadas na cidade (Praza de San Domingos, Rúa dos Cregos, Ánxel Fole, Montevideo ...). É de supoñer que ao estar as termas romanas públicas a 800 metros da cidade e tendo en conta o pronunciado desnivel dende a cidade ao río, habería outros baños de carácter público no interior do casco urbano (posiblemente na Rúa Armañá)

Pénsase que estas termas romanas situadas á beira do río presentaban unha distribución que seguía a pauta de construción doutras instalacións termais, estruturadas en dúas partes, unha para os homes e outra para as mulleres. A entrada principal daba acceso aos baños masculinos, distribuídos arredor dun espazo libre rodeado de pórticos destinado a exercicios deportivos (ximnasio).

ImageO acceso ao edificio termal propiamente dito faríase a través dun gran vestíbulo localizado nas dúas salas de vestiario ou apodyterium, que é o vestixio construtivo mellor conservado nas termas, no que deixaban as súas roupas, que quedaban baixo a garda dun escravo, en pequenas casiñas feitas no muro. Dende este punto o visitante podía dirixirse a unha sala circular chamada laconium. As dúas salas máis grandes eran as dos baños temperados e quentes, que xeralmente estaban comunicadas entres si. En cada unha destas salas normalmente había varias piscinas ou alvei.

Ao estar á beira do Miño, abastecíanse de augas mornas e do manancial termal de augas quentes polo que o visitante, que normalmente pagaba unha pequena cantidade en función dos sexos, a idade ou a frecuencia coa que ía tomar os baños (xa había bonos), comezaba no apodyterium ( vestiario) e logo pasaba polo frigidarium, tepidarium e caldarium.

Baixo a escaleira principal do actual balneario atópanse os restos doutra pequena sala, á que se accede por un arco de medio punto que está partido polo soporte desta escaleira. Ao fondo desta sala e sobre unha repisa está un arco cego con restos de pintura en moi mal estado de conservación, aínda que se aprecian un guerreiro con armadura e un bispo con báculo. É de supoñer que esta parte fora no seu día o antigo caldarium, que foi posteriormente convertido en capela cristiá. As pinturas proceden seguramente do século XVI.

Tamén é da época romana o “sistema de captado” das aguas mineiro medicinais, pero non foi posible realizar un estudo arqueolóxico porque o actual balneario ten os seus cimentos sobre el.

ImageLogo da época romana, na que estas termas alcanzaron posiblemente gran importancia, chegou unha época de “silencio” e case abandono que durou ata o ano 1816, cando foron expropiadas pola administración local. Neste período os baños foron utilizados dunha maneira moi precaria. Hai referencias bibliográficas do Licenciado Bartolomé Molina (1550), Ambrosio de Morales (1575), Alfonso Limón Montero (1679), O Crego Pallares e Gaioso (1700). Este último, na súa obra Argos Divina, fai unha descrición das ruínas do balneario de Lugo e, logo de situalas na época romana, pide que se lles preste máis atención e coidado pola bondade das augas e os bos efectos que teñen para a saúde. Estas referencias, e outras posteriores ata o século XIX, coinciden no mal estado das termas.

No século XIX hai distintas referencias que citan o uso dos baños e as súas propiedades curativas, sendo consideradas no ano 1835 polas autoridades de Lugo de “innegable utilidade”. No verán de 1847 comezan as obras de construción do balneario, rematadas en 1905. Durante o século XX hai un novo declive no uso das augas termais ata 1978, ano no que novos investimentos e modificacións conseguiron que o balneario de Lugo adquirise importancia.

 

BIBLIOGRAFÍA

    • ARIAS VILA, Felipe/de ABEL VILELA, Adolfo (1975): Guía romana de Lugo y su provincia. Lugo
    • ARIAS VILA, Felipe/ De VEGA RODRÍGUEZ, Antonio ( 1979) As termas romanas de Lugo Actas do I Congreso Peninsular de termalismo antigo. Madrid
    • CARREÑO. Covadonga Baños privados y termas públicas en el Lugo romano. Espacio, Tiempo y Forma, Serie II, H." Antigua, t. V, 1992, págs. 337-350
    • HERVÉS RAIGOSO, F/ Meijide Cameselle, G : O culto ás ninfas nas Termas de Lugo”. Gallaecia
    • MEIJIDE CAMESELLE, G / HERVÉS REIGOSA, F (2000) Un nuevo espacio en las termas de Lugo. Termas romanas en el occidente del Imperio. II Coloquio Internacional de Arqueología de Gijón.
    • RODRÍGUEZ COLMENERO, A./ CARREÑO GASCÓN, C/ y otros. (1995) Urbs Romana. Los orígenes de la ciudad de Lugo. Excmo. Concello de Lugo.

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer