Santalla de Bóveda

PrinterSend to friendPDF version

Mª Jesús Esteban Quiñoá   (Fotos: Mª Luisa Freire Lodeiro)

O complexo monumental de Santalla de Bóveda foi descuberto no ano 1914 polo párroco D. José María Penado Rodríguez, en tempos do Bispo Basulto, pero non foi este, senón o seu sucesor no cargo, o Bispo Rei Lemos, o que o fixo público á Comisión de Monumentos Históricos Artísticos de Lugo no ano 1926. Foi declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1998.

Image

É unha das construcións máis singulares e peculiares de Galicia; de feito, dende o seu descubrimento foron moitos os investigadores que a estudaron dende diversas técnicas: arquitectónicas, arqueolóxicas, artísticas e simbólicas, sen chegaren a un consenso nin na finalidade inicial nin na súa cronoloxía. Pódese mesmo dicir que cada un aporta unha visión subxectiva e este monumento a todos parece contentar, dende o que o considera un templo dedicado á deusa Cibeles ata o que ve nel un ninfeo, un lugar de baños, un santuario dedicado a divindades orientais, un serapeum , un local de uso funerario, un templo dedicado a Prisciliano conforme ao rito romano da deusa Cibeles, ou a propia tumba deste personaxe. Este feito pódese deber en gran parte ás poucas referencias anteriores, ás distintas mostras de interese artístico atopadas, únicas na Península, e, tristemente, ás non moi afortunadas obras de restauración e conservación dende o seu descubrimento.

Nun documento do século VIII faise referencia á igrexa superior de Santalla e nel indícase que se trata dun edificio de dobre planta. Outras novas do século XVIII informan de danos na bóveda inferior ao construír unha nova igrexa sobre as ruínas da planta superior.

Tanto as técnicas coma os materiais, formas e decoración pódense relacionar co mundo romano, co paleocristián ou co altomedieval.

Posterior ao seu descubrimento, unha das persoas que amosaron interese no estudo de Santalla foi López-Martí (1934), quen atopa paralelos co arte paleocristián das catacumbas romanas, e sitúa cronoloxicamente o monumento na etapa tardo-romano, entre os séculos IV e V, con predominio cristián.

En 1935 o alemán Helmunt Schlunk realiza un estudo completo do complexo e relaciónao cos monumentos sepulcrais de Oriente, concretamente do sur de Rusia e Siria. A posterior transformación do edificio para outras finalidades xustificaría a ausencia de restos sepulcrais, coma os sarcófagos, dado que estes serían substituídos e empregados posteriormente, “algo habitual nos comezos da Idade Media”. Considera ademais que as arcadas, a reconstrución da bóveda e as pinturas forman parte da transformación do edificio en templo cristián no século IX. Sostivo esta teoría ata que no ano 1952 Chamoso atopou a piscina. Logo desta descuberta, Helmunt cambiou a súa hipótese e atrasou ata a época romana a reforma interior do edificio, pasando a consideralo un santuario medicinal.

Image

Segundo Angel del Castillo (1932), tratábase dun templo consagrado ás ninfas do século IV. Para Gómez- Montero (1949), que sostén que se trataba dun ninfeo de comezos do século III, a decoración é romana con influencias do mundo oriental. Tamén Chamoso Lamas opina que era un lugar dedicado ás ninfas, e indica ademais que a transformación do edificio coa introdución de arcadas e piscina ou estanque é da época visigoda.

Núñez (1970) relaciona as características arquitectónicas das fases iniciais do monumento coa cultura castrexa, e sitúa a transformación do monumento en templo cristián no século VIII.

Rodríguez Colmenero coincide con Helmunt Schlunck en que o monumento ten orixe nos cultos relixiosos orientais e identifica na construción dúas épocas: unha pagá e outra cristiá (segunda metade do século IV).

Para Vidal Caeiro (2003 e 2006) hai cinco fases construtivas: un edificio romano de aula rectangular, un edificio visigodo (entre finais do século V e o VII), un edificio prerrománico do VIII, un edificio prerrománico do XI e unha fase na que se incluirían as restauracións contemporáneas.

Descrición do Monumento

O conxunto arqueolóxico de Santalla non estaba medio soterrado como na actualidade. Nel chama poderosamente a atención a orientación do edificio que é oposta á habitual nas igrexas altomedievais. Presentaba dúas plantas, das que non se conserva máis que a inferior, excepto a parte central da bóveda, estragada durante a demolición da antiga capela cristiá que ocupaba o piso superior e da que non queda máis que a parte do muro que inicia a bóveda de cuberta en ladrillos.

Trátase dun espazo rectangular baixo o adro da actual igrexa parroquial, cunha ábsida ao fondo da nave tamén rectangular e dúas plantas, das que a superior e a bóveda que a cubría foron derrubadas durante as obras realizadas no descubrimento. A cripta é un cadrado de doce metros de lado limitado por dous muros perimetrais, un interior que soporta a bóveda da sala central e outro exterior co obxecto de procurar

Image

ventilación ao conxunto. Só ten unha fachada ao exterior, cunha porta de entrada en arco de ferradura escoltado por dúas ventás que dan luz á estancia, na que se atopa unha pequena piscina ou estanque no centro de setenta centímetros de profundidade (o que avala a hipótese de que se trataba dun lugar sagrado ou máxico). Os frescos que decoran a bóveda son de singular importancia. A cámara está dividida en tres naves por columnas e arcos sen función mecánica aparente, o que fai pensar nunha posible reconstrución anterior. Ao fondo unha escaleira de caracol unía os espazos inferior e superior

No exterior hai un pequeno adro con dúas columnas “in antis” (o pórtico ten só dúas columnas e dúas pilastras ou antas nos extremos ou esquinas) que están situadas diante da fachada, na que se abre unha porta con arco de ferradura (posteriormente adoptado polos visigodos) de ladrillos dispostos radialmente nun cuarto de radio. É o máis antigo dos que existen na arquitectura española como elemento estrutural. Aos lados do pórtico hai catro baixorrelevos que están situados nunha posición predominante; de feito, é o primeiro que o visitante observa do edificio. Estes son os únicos que gardan unha simetría con respecto á arquitectura nesta zona do edificio e entre eles. Trátase de dous grupos de “danzantes” e dúas figuras humanas (masculina - feminina); estes catro baixorrelevos son os máis elaborados e enmarcados, as figuras ailladas dispóñense entre dúas columnas que soportan un lintel, teñen os brazos levantados e sosteñen

Image

unha grinalda. Por encima delas sitúanse os baixorrelevos de “danzantes” formados por cinco figuras, tamén enmarcadas. Os outro catro relevos que se poden apreciar teñen unha disposición aleatoria e sen aparente relación na fachada; hai dous moi significativos: un no que aparece unha ave descansando sobre unha árbore e que esconde a cabeza baixo as ás e outro que se corresponde co chamado “relevo dos lisiados”, no que se presentan dúas figuras humanas enfrontadas que amosan as súas deformidades (pode facer alusión ao carácter medicinal e curativo das augas).

Image

Pero o máis singular do conxunto é a decoración pictórica da bóveda, recuberta con estuco na que aparecen motivos xeométricos, vexetais e animais en cores vermella, rubia, azul, verde e negra. A decoración, dividida en cadrados xirados 45º e limitados por grecas axadrezadas en cores, está integrada por galos, galiñas, pombas enfrontadas, cisnes e algún faisáns, mesmo en posición asimétrica. Os debuxos de aves representadas non son fieis ás súas características nin na forma nin nas posturas. Resulta evidente que a intención era representar diferenzas de tamaño, pois pode verse como os pavos reais ocupan practicamente todo o cadrado no que está inscritos e mesmo o rebordan e, pola contra, as pombas e perdices aparecen emparelladas e cun amplo espazo arredor, excepto nalgúns triángulos nos que aparecen as figuras individuais.

Image

Esta temática era frecuente nas tumbas, pero ao contrario que noutros monumentos funerarios, neste non se atoparon sepulturas. Debemos lembrar así e todo a teoría de Hemunt de que estas poderían ter sido espoliadas e reutilizadas na época Medieval. Esta decoración pictórica é de singular importancia por dous feitos: o bo estado de conservación no que foron atopadas tralo descubrimento e por non haber outro exemplo semellante en Galicia de pintura mural antiga.

Da parte superior da bóveda non se conservan restos in situ, pero sabemos que apareceron grandes fragmentos con restos de pintura a través das fotografías e os debuxos de Hanson e Berenguer. O esquema da parte central da bóveda consistía en octógonos formados por cadrados flanqueados a cada lado e hexágonos irregulares. No interior das figuras xeométricas inscríbense círculos e flores, motivo moi frecuente nas decoracións en mosaico dende a época romana altoimperial.

 

BIBLIOGRAFÍA

ARIAS VILA, Felipe/de ABEL VILELA, Adolfo (1975): Guía romana de Lugo y su provincia. Lugo

  • ARIAS VILA, Felipe : Bóveda. Monumento de Santaballa de Gran Enciclopedia Gallega. Tomo IV (px 93-94). Lugo-Pontevedra
  • GARCÍA IGLESIAS, X.M (1989). : Pinturas murais de Galicia. Santiago de Compostela.
  • MONTENEGRO RÚA, E.J (2005) : El descubrimiento y las actuaciones arqueológicas en Sta. Eulalia de Bóveda.Excmo. Concello de Lugo
  • RODRÍGUEZ COLMENERO, ANTONIO (1992) : Culto a las aguas y divinidades orientales en el Lugo romano: los posibles santuarios de San Roque y Bóveda Espacio, Tiempo y Forma, Serie II ( Historia Antigua)

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer