A Ponte Vella

PrinterSend to friendPDF version

Mª Jesús Esteban Quiñoá

A cidade de Lucus Augusti foi situada nun terreo chan da terraza elevada da ribeira esquerda do Miño, preto dos mananciais termais. Por ela pasaban dúas vías romanas: a XIX de Bracara ata Iria, desde onde se desviaba cara ao Leste, viña ata Lucus Augusti, cruzando a Ponte Vella sobre o Miño, e partía ata Asturica; e a vía XX, chamada tamén “Per loca maritima”, que posiblemente atravesaba o Miño pola antiga Ponte de Ombreiro.

A Ponte Vella de Lugo ou Ponte Romana que se aprecia hoxe en día é o resultado de moitas reparacións, ampliacións e reconstrucións e realmente pouco queda da orixinal. No verán do ano 1995 atopáronse restos da vía XIX que viña dende Ourense. Aproveitando as augas baixas destas datas e o desvío do río para construír un colector de saneamento, estas obras permitiron identificar a orixe romana nas bases de tres pilas da ponte e facer un estudo máis completo da mesma.

Os restos romanos descubertos na base das pilas segunda, terceira e cuarta están formadas por sillares de granito de tamaño moi uniforme (115x56x44cm), aparelladas en seco con sogas e tizóns. O espesor das pilas de 4,60 metros e o ancho das bóvedas de 5,00 metros así como a luz dos arcos de 10, 49 metros son medidas características das pontes romanas. A planta das antigas pilas romanas era rectangular. Segundo o doutor Manuel Durán Fuentes é probable que inicialmente tivese seis arcos de bóvedas de medio punto e luces iguais (10, 40 metros), as pilas de anchos tamén constantes (4,60 metros) e rasante horizontal. O desnivel que houbo entre a ribeira esquerda e a rasante posiblemente se amañaba cun tramo de acceso máis ou menos longo en rampla (semellante á da marxe esquerda da ponte romana de Mérida). Esta foi a parte máis afectada, pois era por este lado por onde desbordaban as grandes riadas, por exemplo a acontecida en 1898.

A ponte actual ten oito arcos (ningún deles da época romana) de formas distintas e variables construídos con lousa e granito. Comezando a contar os arcos mirando dende augas arriba pola marxe esquerda, obsérvase que os dous primeiros son lixeiramente apuntados e construídos en sillería de granito; o terceiro e cuarto, de medio punto e o quinto e sexto, apuntados, igual ca os sétimo e oitavo, que se consideran os máis antigos, da época medieval, debido ás marcas de canteiro de tipo cruciforme e os símbolos atopados. Posiblemente na época romana era horizontal, alombada a partir da época medieval e de novo horizontal a día de hoxe.

O ancho da calzada é variable e vai entre os 3, 80 metros no acceso esquerdo ata os 4, 90 no dereito. As plataformas realizadas no século XIX teñen un ancho constante de 1.5 metros.

Historia da construción da Ponte de Lugo e as súas reformas

Non hai datos sobre as datas de construción desta ponte, pero podemos situala entre os séculos I ou II, que é cando Lucus toma gran importancia como capital do convento xurídico. Segundo algúns historiadores, durante as invasións xermánicas foi destruída e reconstruída posteriormente.

No ano 778 do século VII, o rei Afonso I cedeu ao bispo de Lugo o dereito de portádego a cambio da obriga de facer fronte aos gastos de mantemento e reparación.

A igrexa tiña un especial interese en manter as vías de comunicación e na conservación e reparación de pontes, que tiñan gran importancia tanto para a vida das parroquias como para protexer os camiñantes e manter abertas as rutas dos peregrinos. Estas reformas e reconstrucións eran consideradas non só unha obra de caridade senón tamén accións que axudaban á “salvación das almas dos benfeitores”, como queda reflectido en testamentos que destinaban unha cantidade de diñeiro a este tipo de obras. É o caso dos de Ximena Froylaz (1199), que deixaba 20 soldos; o Tesoureiro da Catedral (1227), que legou un soldo; o cóengo lucense Román, con dous soldos e o arcediago Fernández Martínez (1297), que deixou 100 marabedís. Temos constancia de obras de reparación da ponte nos anos 1289 e 1331.

No ano 1578 encargouse a Caietano Gonzalo Yáñez a colocación dunha porta de madeira con pechadura para controlar o paso. Esta obra foi pagada a partes iguais polo bispado, a cidade e o cabido. Frei Xoán de Pozo, no ano 1648, realizou outras reparacións e en 1734 restauráronse algúns arcos e tallamares da ponte . Un ano máis tarde, o mestre de obras da Catedral de Lugo, Lucas Antón Ferro Caaveiro, redactou un informe no que consideraba necesario reparar a capela, situada no medio da ponte, así como o pavimento, e labrar un novo escudo coas armas reais. Tamén propuxo a modificación das varandas e a construción do oitavo arco da marxe esquerda, coa finalidade de evitar as riadas.

Image

A propiedade da ponte foi motivo de disputas entre o concello e o bispado. Así, en 1783, ao despreocuparse o Bispo Francisco Armañá da súa reparación tras unhas grandes riadas, o concello fixo a obra pola súa conta e o bispo, irritado, procedeu a pechar o paso pola ponte. Este preito rematou en decembro do 1792 e quedou reflectido que serían os bispos de Lugo os encargados de realizar e asumir as obras de reparación e conservación da estrutura.

Image

Ata finais do século XIX a imaxe da ponte era a dunha ponte medieval con rasante en dobre pendente e tallamares triangulares, rematados con sombreiretes semicónicos. No ano 1893 o enxeñeiro de camiños Godofredo A. Cascos fixo o proxecto para reparala e ensanchala, cambiando a rasante, reducindo as pendentes e construíndo unhas plataformas voadas con vigas metálicas apoiadas sobre pilastras que arrincaban dos tallamares que previamente foran destruídos. O resultado desta obra dálle á ponte o aspecto que ten na actualidade.

Está prevista unha nova reforma coa finalidade de darlle o aspecto primitivo e limitala ao tráfico peonil. Neste momento uns 16.000 vehículos diarios atravésana e no novo proxecto vaise substituír o asfalto por empedrado, o acceso será unidireccional e restrinxido a residentes e transporte urbano, vai ter 104 metros de lonxitude, eliminarase o ensanche metálico, e váiselle dar un aspecto máis parecido ao orixinal. Nesta rehabilitación suprimiranse as canalizacións de telefonía e unha de abastecemento de auga que se pode ver colgada dunha varanda. Todo isto irá oculto no interior do recheo da ponte. Ademais, a iluminación será a ras do chan, incrustando os puntos de luz nas varandas e terá un valor ornamental. Non están previstas actuacións nas bóvedas pois, aínda que a ponte ten moitos anos, estruturalmente non presenta danos significativos. No traballo empregaranse materiais da zona (lousa e granito) e no pavimento, empedrado.

Image

O resultado ímolo ver nalgúns anos, esperamos que máis pronto que tarde. Desexamos que estas importantes obras non estean paralizadas coa crise económica que estamos a vivir.

 

BIBLIOGRAFÍA

  • ARIAS VILA, Felipe/de ABEL VILELA, Adolfo (1975): Guía romana de Lugo y su provincia. Lugo
  • AMOR MEILÁN, M (1980) Tomo Lugo en Geografía general del Reino de Galicia. Reed. A Coruña
  • ALVARADO BLANCO, Segundo/DURÁN FUENTES, Manuel/NÁRDIZ ORTIZ, Carlos (1989) Puentes históricos de Galicia. Col.oficial de ingenieros de caminos, canales y puertos. Xunta de Galicia. A Coruña
  • ALVARADO, S/ASTOR, R/ BAS, B/, DURÁN, M /NARDIZ, C. (1985) Inventario de puentes históricos en Galicia, D. Xeral do Patrimonio (Xunta de Galicia). Colegio de Ingenieros de Caminos. Santiago
  • DURÁN FUENTES, Manuel (2004) La construcción de puentes romanos en Hispania”. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.
  • FERNÁNDEZ Casado, C. (1980): Historia del puente en España. Puentes romanos. Instituto Eduardo Torroja. Madrid.
  • RODRÍGUEZ COLMENERO, A./ CARREÑO GASCÓN, C/ y otros. (1995) Urbs Romana. Los orígenes de la ciudad de Lugo. Excmo. Concello de Lugo.

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer