Peregrinos de onte e de hoxe

english  |  galego

 

Image

Placa diante da catedral de Chartres, Francia

José A. Armesto

Peregrinos de onte e de hoxe

A peregrinación a Santiago de Compostela comeza moi pouco tempo despois do “descubrimento” do sepulcro do apóstolo.

No reinado de Afonso II (791-842), rei de Galicia, Asturias e León, concretamente no ano 814, dáse a coñecer este achado e el pode ser considerado o primeiro peregrino que, partindo de Oviedo, onde se atopaba ao recibir a noticia, e pasando por Lugo, chegará ata Compostela. Esta ruta é hoxe coñecida como Camiño Primitivo.

Pouco tempo despois comezou a peregrinación desde outros lugares da Península Ibérica, naqueles anos parcialmente invadida polos musulmáns, o que daba a Santiago unha importancia capital como elemento aglutinador dos territorios baixo o control dos reis cristiáns. Tamén foi importante a chegada de peregrinos doutras partes de Europa e nese senso debemos entender a afirmación defendida por moitas persoas de que é precisamente en Santiago onde comeza a idea de Europa como unidade.

Para exemplificar esta última idea de seguido damos conta da historia de tres peregrinos procedentes de Grecia, Alemaña e Países Baixos, dous deles da antigüidade e un dos nosos tempos.

Grecia

Image

Estatua conmemorativa do Camiño en Kehl, na beira do Rin en Alemaña

Non posuímos moita información sobre peregrinos gregos, pero en varios escritos dos séculos XI e XII (Crónica de Castilla, Historia Seminense, Libro del Mio Cid, Liber Sancti Iacobi-Codex Calixtinus) faise mención a un presunto bispo grego, do que se dan varios nomes: Stephanus, Astiano, Ostiano, Ostyano, Estiano, que foi protagonista involuntario dun “milagre” do apóstolo Santiago.

Segundo estas crónicas, durante o asedio a Coimbra (actual Portugal) polas tropas do rei Fernando I en 1063, este bispo atopábase en Santiago a onde chegara en peregrinación. Alí escoitou como uns homes lle chamaban a Santiago “cabaleiro” e lle pedían axuda para os cristiáns na loita contra os musulmáns. Entón Stephanus contestoulles que Santiago non era cabaleiro senón “pescador”. Pero un pouco máis tarde, mentres durmía, o propio Santiago aparecéuselle en soños reñéndolle por non crer nel como guerreiro e dándolle indicacións do día e a hora en que Coímbra ía ser tomada. Stephanus contou isto ás autoridades de Compostela que llo transmitiron ao rei Fernando I e, ao producirse a confirmación do feito, tomouse como unha proba da axuda de Santiago na loita contra o “infiel”. Esta historia debe entenderse como unha propaganda da época para unir e elevar a moral da poboación e das tropas nun período de loita bastante duradeiro no tempo.

Alemaña

Image

Portada de Die Walfart und Strass zu sant Jacob

Hermann Künig von Vach foi un dos peregrinos alemáns máis coñecidos. Tratábase dun monxe da comunidade servita en Vach, unha pequena vila na fronteira entre Hesse e Thuringia agora coñecida como Vacha-an-der-Werra. Publicou en 1495 unha guía de viaxes do camiño de Santiago, titulada Die Walfart und Straß zu sant Jacob, que chegou a ser popular e tivo varias edicións, incluíndo unha tradución en 1518 ao Baixo Alemán (idioma do que proveñen os dialectos do norte de Alemaña e os idiomas neerlandés e flamenco) De overen und meddelen Straten van Brunswygk tho Sunte Jacob in Galicien tho Compostella. En 1889 Konrad Haebler levou a cabo unha nova edición baixo o título Das Wallfahrtsbuch des Hermannus Künig von Vach und die Pilgerreisen der Deutschen nach Santiago de Compostela.

Moi probablemente el iniciou a ruta desde Vacha, pero o libro describe a ruta desde Einsiedeln a través de Toulouse, á cal chama a Oberstrasse, a estrada de arriba, e a volta vía París e Bruxelas ata Aachen (Aquisgrán), a Niederstrasse, a estrada de abaixo. Parece que a razón dos nomes non ten nada que ver coas paisaxes senón simplemente con que os mapas da época tiñan o sur na parte de arriba, así que a ruta de Eisiedeln era a “estrada de arriba” e a de Aachen a “estrada de abaixo”. Entre as súas indicacións recomenda usar camiños a menor altitude para rodear os dous puntos máis altos do Camiño Francés, a Cruz de Ferro e O Cebreiro.

Países Baixos

Image

O retorno do peregrino, Escola de Leiden

Non hai moita información sobre a peregrinación holandesa na Idade Media, pero si algúns datos que nola poden confirmar. Por exemplo, a Lodewijkskerk ou igrexa de San Luis, en Leiden, foi construída como hospital nunha das etapas da ruta a Santiago e este centro era atendido pola St. Jacobs Broederschap (Fraternidade de Santiago), formada por xente que volvera da peregrinación a Santiago e para a cal a presente capela foi finalizada en 1538.

Hai un cadro relacionado con este hospital, pintado por un autor pertencente á Escola de Leiden, O retorno do peregrino: unha escena dun milagre de Santiago o Maior (1530). Esta obra, pertencente a un coleccionista privado, ilustra en tres paneis un episodio dun milagre do apóstolo: na súa peregrinación a Santiago, un xove peregrino é saudado polo demo, quen tomara a aparencia do santo. O demo convénceo de que podería acadar a salvación eterna matándose a si mesmo e o rapaz así o fai, cometendo deste xeito un pecado mortal, o suicidio. Pero foi salvado dese destino pola intervención do auténtico Santiago que o devolve á vida.

Entrevista

Image

Jan Merkelt chegando a Santiago

Como exemplo da peregrinacións desde os Países Baixos amosamos aquí a experiencia dun peregrino da actualidade. Trátase de Jan Melkert de Alkmaar.

Cando fixeches a peregrinaxe e desde onde? Canto tempo che levou?

Fíxeno en 2004 cun amigo. Empezamos nunha vila cerca de Burdeos. Camiñamos en total uns 1100 km en 35 días.

Onde vos aloxastes, albergue público, privado, hotel, cámpings,...?

Estivemos en albergues. Nalgúns sitios durmimos en lugares como o claustro dun mosteiro e dúas ou tres veces, nun hotel.

Foi moi hospitalaria a xente das vilas polas que pasastes e os outros peregrinos?

A xente nas vilas foi moi agradable e hospitalaria. Era 2004 e o camiño non estaba tan cheo como hoxe en día.
Os peregrinos teñen todos o mesmo obxectivo. Camiñan pola mesma ruta, vémonos uns aos outros polas noites nos albergues. A atmosfera entre nós é moi boa. Axudámonos entre nós, charlamos sobre o camiño e dámonos consellos sobre a ruta.

Seguides en contacto con alguén que coñecerades alí?

Ata hai uns poucos anos, mantivemos contacto con dous peregrinos de Sudáfrica.

Que é o que máis che chamou a atención no camiño en relación á paisaxe, a arte, etc?

As montañas en Francia (Pireneos) e as montañas en España nas dúas últimas semanas de camiño. De feito, a paisaxe era moi fermosa: outeiros, montañas, chairas, vilas, longas rectas, silencio, chuvia, sol, a lama nos camiños.
En canto á arte, gustounos especialmente o interior das igrexas como as pezas do altar en igrexas de Burgos, León e por suposto Santiago.

Que tipos de peregrinos atopastes, de que países, as súas motivacións...?

De todos os países. Coñecemos peregrinos de Francia, Italia, Holanda, Sudáfrica. Tamén de Estados Unidos e Brasil.
As súas motivacións: algúns peregrinos utilizaban o camiño para reflexionar sobre as súas vidas. Outros tiveran cambios nas súas vidas e camiñaban para pensar neles. Outros estaban xubilados e querían planificar o seu futuro mentres camiñaban.

Como xurdiu a idea de facer o camiño? Cal foi a principal motivación para facelo?

A nosa motivación (camiñei cun amigo) era unha mestura de desafío deportivo e de pensar en xeral sobre un mesmo. O meu amigo acababa de xubilarse. Facer o camiño era un vello desexo. Tamén un pouco a idea de escapar da vida diaria durante unhas semanas.

Fariades o camiño se soubésedes que o corpo de Santiago non estiba alí?

Si, fariamolo igual, aínda que o corpo non estivese alí.

Que aprendestes mentres facíades o camiño?

Aprendemos a ser pacientes, a deixarnos levar pola camiñata e sen présas, a gozar da paisaxe e tamén a mollarse pola chuvia e seguir andando.

Tivo algunha influencia sobre a vosa vida diaria a experiencia de facer o camiño?

Non podo dicir que tivese algunha influencia en particular sobre min. Inspirounos para facer outras camiñatas como a Roma (2007) e quizáis no outono cara a Xerusalén.

Hai algún momento ou lugar que recordes dun modo especial?

Unhas poucas noites nun albergue dirixido por unha irmandade inglesa a 1100 m de altitude. Tiña unha atmosfera especial e pola noite estivemos cantando con outros peregrinos. Tamén algunhas misas en certas igrexas; unha noite asistimos a unha misa moi fermosa cun coro de anciás.

Que foi o máis destacable da experiencia en xeral?

A chegada a Santiago por suposto, e logo a entrada na catedral para abrazar ao apóstolo e tocar a columna da entrada. E os nosos nomes foron mencionados durante a misa na catedral.

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer