Os campamentos militares romanos: Aquis Querquennis

Leticia Mouriz e Vanesa de la Fuente (Fotos: José A. Armesto)

Volver ao índice

Este campamento foi construído na época imperial romana. O seu nome provén do pobo que ocupaba a zona, os quarquerni que, dentro do Convento xurídico bracarense, se estenderían pola comarca actual da Baixa Limia na provincia de Ourense.

Amais do que nos ocupa podemos destacar outro en Galicia: a Cidadela, en Sobrado dos Monxes (A Coruña).

Aquis estivo ocupado por un destacamento militar subordinado da Lexión Sétima Gemina, con cuartel xeral en León. Foi construído baixo o reinado de Vespasiano (69-79 d.C.) e abandonado aproximadamente no ano 120 d.C.

Trátase dun lugar de fácil acceso, onde existían pastos, gran cantidade de leña, e augas termais. O xacemento estrutúrase en forma de rectángulo con esquinas redondeadas e catro entradas. A súa superficie é duns 25.842 metros cadrados e conta cunha área circular duns once metros de ancho que separa a muralla das demais construcións e que recibía o nome de intervallum.

Image

Images (c) 2012 Cnes/Spot Image, DigitalGlobe, GeoEye, IGP/DGRF. Map Data  (c) 2012 TeleAtlas

O xacemento

Aquis Querquennis é un complexo arqueolóxico que se comeza a escavar en 1975. Consta dun campamento romano e un poboado da mesma época que foi unha mansión da Via Nova que unía Bracara e Asturica. Inicialmente estaban relacionados entre si, xa que está practicamente demostrado que o campamento foi fundado coa finalidade case exclusiva de activar a construción da Vía Nova. Unhas décadas máis tarde, cando este desaparece, as súas estruturas serven para que medre a mansión viaria, a cuarta desde Braga e a 53 millas de distancia desta cidade. Remata converténdose no núcleo urbano máis importante dos Quarquernos segundo nos di Tolomeo a mediados do século II.

  • O campamento militar

Décimo Xunio Bruto e os seus lexionarios cruzaron o río Limia no ano 138 a.C. e Octavio Augusto emprendeu o ataque final no ano 29 a.C. utilizando un continxente de tropas importante. Co suicidio dos ultimos guerreiros no monte Medulio, comezou plenamente a romanización de Gallaecia. Un dos primeiros signos deste proceso é a creación de campamentos militares estables que controlasen os últimos focos de rebelión e de camiños que comunicasen os novos asentamentos imperiais. Serían as lexións as que asumisen a vixilancia e seguridade nas vías.

Dentro do campamento pódense destacar:

Image

   
Image
 
Image
 
Image
 
Image

 

  • Porta principal (porta principalis sinistra): Trátase dunha gran entrada de vía dobre e catro portas sobre as que discorría o adarve perimetral da muralla.
  • Porta oeste (Porta decumana): Contrariamente á principal, posúe unha soa vía e dúas portas arcadas sucesivas.

Ambas estaban arrasadas ata a primeira fila de sillares. As escavacións e proceso de reconstrución realizados, moi similares nos dous casos, permitiron facelas visibles.

Á beira da porta oeste atopamos diferentes edificacións:

  • Os celeiros (horrea): Estes edificios estaban destinados a almacenar os cereais e demais víveres para consumo humano. Os dous escavados presentan proporcións análogas e idéntica técnica construtiva, con pilotes de apoio, chemineas de ventilación e contrafortes laterais para conter a presión do gran.
  • Os barracóns da tropa: Dous destes barracóns están totalmente exhumados. O primeiro presenta un diagrama sinxelo. Á entrada, na banda esquerda, situábase a residencia do centurión e, despois, catro unidades dobres de compartimentos comunicados, en cada unha das cales se acomodaban oito soldados. Na banda oposta constátanse seis unidades dobres. No total podía albergar oitenta soldados, os que formaban unha centuria. Cada unha destas unidades posuía, polo menos, un fogar nalgunha das estancias e, ás veces, nas dúas. A cuberta sería de madeira e palla, probablemente a dúas vertentes. As augas da chuvia, recollidas nun compluvium interior, eran levadas mediante unha canle ata unha cisterna circular forrada de pedra e dotada de brocal de seguridade. Existiría, ademais, en ambas as fachadas e só nos segmentos correspondentes aos cubículos da tropa, un estreito deambulatorio, cuxa cuberta se apoiaría sobre postes de madeira sustentados sobre bases de granito, ao que darían todas as entradas das estancias.

O segundo barracón está totalmente illado do primeiro e limita con el parcialmente por medio dunha parede que seguramente era cega. A distribución e natureza dos ámbitos de ocupación é similar pero presenta algunhas novidades, como a existencia de dúas estancias rectangulares enfrontadas, a modo de corpos de garda, ou dúas paredes divisorias no muro oposto ao van de entrada ao barracón.

  • O hospital (valetudinarium): A planta deste edificio imitaría a dunha domus romana típica. As habitacións, todas elas cuadrangulares, articúlanse ao redor dun peristilo que rodea un patio cadrado, delimitado por un muro de aproximadamente 60 centímetros de altura.

A edificación sufriu algunhas alteracións detectables ao longo do tempo, tanto na transformación dalgunhas estancias como na remodelación dos chans. Desde o patio interior discorría cara ao sur unha canle de drenaxe que ía dar á porta decumana.

  • Terceiro barrancón da tropa e canaba: A uns vinte e cinco metros da muralla os arqueólogos atoparon ruínas moi fragmentarias consistentes en vestixios de habitacións, algunha delas con fogar, e dous chans exentos circulares, pavimentados con tégulas, que semellaban bases de fornos ou fondos de estanques. Pénsase que son construcións do campamento pola cerámica que nelas apareceu e, polo tanto, pode tratarse dun establecemento oleiro dependente do campamento ou dos primeiros vestixios dunha canaba (tenda ou barraca que normalmente se establecía xunto aos núcleos máis ou menos estables de poboación romana fixa ou temporal e desde a que os comerciantes satisfacían as necesidades destes grupos) que seguramente tivo que existir nas proximidades do mesmo.

A mansión viaria

Image

As ruínas que hoxe conservamos son os restos dun establecemento hostaleiro levantado en dous momentos distintos. O primeiro, que data probablemente de principios da segunda centuria da era, consistiría nun gran corralón co teito apoiado sobre grandes pilastras das que aínda se conservan os basamentos. Contaría cunha serie de estancias residenciais contiguas.

O segundo, levantado probablemente nas primeiras décadas do século III, correspondería á fundación dun novo edificio que, en parte, anularía o antigo corralón coa edificación dun cercado exterior con pozo no medio, posiblemente para pór a recado e abeberar os animais de transporte e montura. Esta construción, cuxo vestíbulo empedrado aínda se conserva íntegro, achábase flanqueada por unha vía urbana á que se descendía por unha ampla escaleira de varios banzos graníticos.

BibliograFía:

Volver ao índice

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer