Os Camiños do Norte e do Este

PrinterSend to friendPDF version

María Ceide Cancio

Camiño Primitivo

11 oviedo alfonso

Este camiño, que tivo na cidade de Oviedo o seu principal punto de orixe, foi o realizado por Afonso II o Casto no século IX a raíz do descubrimento da tumba do apóstolo. En tempos deste monarca ástur chegaron á corte ovetense novas do descubrimento acontecido no compostelán monte Libredón e o propio monarca segundo relata a Historia Compostelana do século XII, “con paso acelerado” converteuse no primeiro peregrino, seguindo vellos camiños que databan xa da época romana.

Foi seguido por peregrinos do norte de España e de Europa e trátase dun itinerario frecuentado e seguro ata que se consolida o actual Camiño Francés.

A ruta ovetense ata Compostela seguiu sendo unha alternativa relevante, especialmente polo valor espiritual que determinados peregrinos lle concedían á gran colección de reliquias da catedral de San Salvador de Oviedo e á basílica lucense, que expón permanentemente o Santísimo Sacramento.

12 oviedo vieira

Da importancia deste itinerario dan fe os numerosos hospitais establecidos ao longo do seu percorrido.

En Asturias o Camiño Primitivo consta das seguintes etapas: Oviedo-Grado- Salas-Tineo-Borres- Peñaseita (cunha ruta alternativa Borres-Berducedo)- La Mesa- Grandas de Salime- Alto do Acevo.

A entrada en Galicia realízase polo difícil porto do Acevo. Entre unha espectacular natureza de montaña, axiña atopamos a primeira localidade galega na ruta, a aldea de Fonfría, na que se situou un hospital pertencente á encomenda de San Xoán de Portomarín.

13 fonsagrada

Moi preto de Fonfría, tras pasar o lugar de Barbeitos, atópase a localidade de Paradanova, na que a ruta ofrece aos viaxeiros dúas alternativas para continuar o Camiño. Un dos itinerarios conduce directamente a Fonsagrada, desde onde se chega axiña a Montouto; a outra leva ata A Pobra de Burón desde onde se sae en dirección a Xestoso e ao veciño Hospital de Montouto. Aquí únense os dous itinerarios.

Desde Montouto, o Camiño Primitivo continúa por terras onde abunda a lousa ata Paradavella. Descendendo cara á localidade do Cádavo, sucédense singulares aldeas como Calzada, Degolada e Fontaneira. O Cádavo, capital do concello de Baleira, é a segunda poboación salientable que encontra o peregrino no Camiño Primitivo galego.

Esta ruta de peregrinación continúa cara a occidente polo alto da Vaqueriza para chegar a Vilabade, que está ás portas de Castroverde, capital do municipio do mesmo nome.

A partir de Castroverde proliferan as referencias ao Camiño. Nas inmediacións da ruta destacan Soutomerille, Carballido, Fazai e Santiago de Castelo, que sinalan a entrada en Lugo.

14 lugo pedro

O Camiño entra na cidade de Lucus Augusti polos barrios de Castelo e A Chanca. Supera o río Rato a través dunha ponte medieval reconstruída en 1570, ascende polo carril das Flores e entra pola Porta Toledana (ou de San Pedro) ao interior das murallas.

Desde as antigas Cortiñas de San Román (actual Praza Maior) accédese pola porta norte á catedral, onde, entre outras, podemos mencionar a capela de Santiago. É esta unha das cinco capelas absidais do século XV e dá pé á crenza do paso do apóstolo pola provincia e da súa predicación na cidade cara ao ano 37 da era cristiá, tradición que mesmo lle atribúe a fundación da igrexa lucense e que tamén sostén que un discípulo seu, San Capitón, foi o primeiro bispo.

Próximo á Porte Toledana estaba o hospital de Santa Catarina; outros edificios para idéntico uso eran o de San Bartolomé, que acollía os romeiros pobres, e o de San Miguel na porta Miñá (ou do Carme) que é o lugar por onde o peregrino abandonaba a cidade.

O rei Casto outorgoulle a Lugo a capitalidade no ano 832 e ordenou que a catedral ovetense de San Salvador fose construída a semellanza da lucense de Santa María.

O camiño diríxese cara á vella ponte romana no barrio de San Lázaro. Afastándose xa da cidade, merecen atención a pequena localidade de San Vicente do Burgo, onde houbo hospital de peregrinos e que posúe unha interesante igrexa barroca, e o misterioso templo de Santalla de Bóveda, afástado uns tres quilómetros da ruta principal do camiño.

De regreso ao itinerario xacobeo, de seguida se chega ao lugar de Bacurín, onde se pode visitar a igrexa dedicada a San Miguel.

 

 

15 burgo

Logo, o camiño entra no concello de Guntín. Desde aquí o itinerario discorre por concurridos camiños que enlazan moitas pequenas localidades rurais, e entra na provincia da Coruña polo concello de Toques, camiño de Melide. Desde esta vila, na que conflúen o camiño primitivo e o camiño francés, chégase a Arzúa, famosa pola riqueza dos queixos da comarca.

A Rúa é a última localidade antes de chegar a Santiago. Dentro deste concello o peregrino chega ao núcleo de Lavacolla .Deixando atrás esta localidade xa ten moi preto o Monte do Gozo, desde onde os peregrinos vían por primeira vez as torres da catedral de Santiago.

16 obradoiro16 obradoiro

CAMIÑO FRANCÉS

17 leon estatua

É o itinerario con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente.

Con saída en Roncesvalles percorre o norte da Península ata chegar a Santiago.

Este camiño ten un trazado preciso en Francia a través de catro vías principais. Tres destas rutas (París-Tours, Vézelay-Limoges e Le Puy-Conques) entran en España por Roncesvalles, en Navarra, mientras que a cuarta (Arlés-Toulouse) faino polo porto de Somport e continúa ata Jaca (Aragón). O itinerario de Roncesvalles únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra).

18 leon marcos

Desde Puente la Reina o Camiño Francés mantén un único itinerario que atravesa localidades e cidades do norte de España tan significativas como Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada e Vilafranca del Bierzo.

A comarca do Bierzo sitúa o Camiño Francés xa en Galicia.

O Camiño entra en Galicia despois de deixar atrás Ferrerías e ascender polos lugares de La Faba e Laguna de Castilla, ata o porto de montaña do Cebreiro, na provincia de Lugo. Desde aquí, continuando pola zona de montaña e por un itinerario aberto ás inmediatas serras dos Ancares e O Courel, chégase a Liñares e logo a Hospital da Condesa. No porto do Poio comeza un suave descenso cara a Fonfría, e chégase á localidade de Triacastela, tras pasar por lugares como O Biduedo, Fillobal, Pasantes e Ramil.

19 liñares

Á saída de Triacastela o camiño bifúrcase. Pódese continuar directamente ata Sarria a través dunha cadea de vellas aldeas de gran tradición xacobea –A Balsa, San Xil, Montán, Pintín, Calvor e San Mamede do Camiño- e unha paisaxe rural de exuberante beleza e con mostras únicas de vexetación autóctona. Outra alternativa é desviarse cara ao sur. Neste caso, o tramo ata Samos ofrece non só o deleite do antigo mosteiro, senón tamén o de fermosas paisaxes e aldeas como San Cristovo, Renche e San Martiño.

Sigamos a alternativa que sigamos, a cidade de encontro será Sarria, a localidade do camiño Francés máis poboada en Galicia.

De Sarria sae o peregrino a través da vella ponte de Áspera, camiño da igrexa de Santiago de Barbadelo. Cruzando entre continuas masas arbóreas, praderías e terras de labranza, o camiño entra no municipio de Paradela. Nas proximidades da aldea de Ferreiros sitúase a igrexa románica de Santa María.

20 samos

En medio dunha paisaxe aberta e agradable, a ruta descende cara ás beiras do río Miño, nas que asoman por primeira e única vez no Camiño Francés en Galicia as terras de cultivo da vide. Para entrar na localidade de Portomarín hai que cruzar a ponte construída a principios da década de 1960 para superar el encoro de Belesar. Ao fondo, se o nivel da auga o permite, obsérvanse intactos os antigos arcos da antiga ponte sobre o río Miño. Tamén poden ser visibles os restos da antiga cidade de Portomarín.

A través da aldea de Gonzar, o Camiño continúa cara a Castromaior. Desde aquí a ruta intérnase en terras do concello de Palas de Rei, cruzando próxima ao templo de Vilar de Donas. O tramo Ligonde-Palas de Rei estivo protexido polos cabaleiros da Orde de Santiago.

Regresando ao trazado da ruta xacobea, esta sitúanos na localidade de Palas de Rei, que debe o seu nome a un suposto palacio real construído remotamente nas súas inmediacións.

O camiño abandona Palas polo Campo dos Romeiros, tradicional lugar de encontro dos peregrinos; nas proximidades deste tramo, tomando un pequeno desvío, chégase ao castelo de Pambre.

21 leboreiro

De regreso ao trazado principal, este inicia xa o seu percorrido pola provincia da Coruña, camiño da aldea de Leboreiro. Entre Leboreiro e Melide, un dos tramos máis bonitos do Camiño, crúzase a aldea de Furelos.

En Melide, localidade considerada o centro xeográfico de Galicia, o Camiño Francés faise urbano e recibe os peregrinos do Camiño Primitivo.

Despois de Melide atopamos dúas pequenas localidades con antiga tradición xacobea: Boente e Castañeda. Máis adiante o peregrino cruza o río Iso por unha pequena ponte de orixe medieval que dá acceso a outra significativa instalación asistencial: o hospital de Ribadiso.

Na vila de Arzúa o camiño francés recibe peregrinos procedentes do camiño do Norte.

Neste tramo o camiño intérnase de novo entre prados, carballos e eucaliptos que rodean pequenas aldeas, algunhas con topónimos de resonancia xacobea: Calzada, Ferreiros, A Salceda, A Brea, Santa Irene e A Rúa, que xa ás portas de Arca, é a última antes de Santiago.

Xa no concello de Santiago o peregrino chega ao núcleo de Lavacolla. Aquí tiñan por tradición o hixiénico costume de lavar o corpo enteiro no regato que pasa polo lugar. Deixando atrás Lavacolla, está moi preto o Monte do Gozo.

CAMIÑO DO NORTE

22 ribadeo

A través dunha ruta medieval constituíuse unha corrente xacobea internacional canalizada cara aos santuarios de Oviedo e Santiago de Compostela. Os peregrinos viñan por terra desde Francia, ou por mar, procedentes de países atlánticos. Despois camiñaban cara ao santuario de San Salvador de Oviedo e a catedral de Santiago.

O tramo galego desta ruta está actualmente sinalado entre Ribadeo e Santiago.

A cidade de Ribadeo, un dos lugares estratéxicos e turísticos máis importantes da costa norte, é o punto de partida do camiño na súa entrada en Galicia. Do seu nobre pasado consérvase un apreciable conxunto arquitectónico baixomedieval e moderno. Destaca a igrexa parroquial de Santa María do Campo.

Saíndo de Ribadeo, a ruta segue polo chamado “Camiño vello de Lourenzá”. Á saída da cidade costeira hai que dirixirse a Ove, que conserva intacto un tramo do camiño medieval, para encamiñarse cara á parroquia de Covelas, pasando polos núcleos de Valín e Pastoriza.

O camiño conduce a Vilela, pasa preto de Cedofeita e segue cara a Lourenzá, atravesando unha serie de pequenos e entrañables lugares cheos de sabor tradicional.

23 goiriz

No tramo Ribadeo-Vilanova de Lourenzá existe unha alternativa que, durante varios períodos da historia, tamén conduciu a Santiago unha importantes masa de peregrinos. É a variante que transcorre pola comarca astur-galaica da zona baixa do río Eo e atravesa os municipios asturianos de Castropol, A Veiga e Santiago de Abres e o concello lucense de Trabada. A ruta segue despois polo máis profundo do val, pasando polos lugares de As Lóngaras, O Porto do Malle, Santo Estevo e Trapa, onde enlaza co camiño vello de Lourenzá e chega ata a capela de San Marcos de Cadeira, nas proximidades de Vilanova.

Saíndo de Vilanova de Lourenzá, o antigo camiño de peregrinación cruza o val de Lourenzá e pasa polos pequenos lugares de Arroxo, Ogrobe, San Pedro da Torre, Reguengo e San Paio. O peregrino pode visitar en case cada un deles curiosas capelas como a dedicada á Virxe de Guadalupe, en Ogrobe. A ruta xacobea do norte segue empregando, neste tramo, o camiño medieval de “brea”: un eixe viario de Asturias en dirección a Lugo e Parga, que fai a súa entrada en Mondoñedo polo barrio de San Lázaro pasando por diante da capela do mesmo nome.

24 sobrado

A cidade de Mondoñedo é unha das sedes episcopais galegas de maior tradición cultural e un dos núcleos históricos máis singulares de Galicia. Sáese da vila polas rúas Fonte Vella e Rigueira para ascender cara ás pequenas localidades de San Caetano por Valiñadares e Mariz. A senda, da época medieval, continúa polo fondo do val bañado polo río Valiñadares, pasando polos lugares de Valiña, Pacios e Lousada. Despois segue ata Gontán, e entra na vila de Abadín. A partir de aquí, o camiño transcorre pola Terra Chá a través das parroquias de Castromaior e Goiriz.

Primeiro chega a Ponterroxal, cruza o río Arnela por unha ponte medieval, alcanza Castromaior e pasa pola magnífica ponte medieval de Pontevella. A ruta continúa ata Santiago de Goiriz, segue ata As Chouzas e entra en Vilalba, corazón da Terra Chá. A partir de Vilalba, o camiño segue ata Baamonde e Sobrado dos Monxes, enlazando algúns camiños reais ben documentados no século XVII e que seguramente retomarían camiños medievais.

25 boimorto

Deixando atrás a hospitalidade e seguridade de Sobrado, a ruta continúa ata as localidades de Vilarchao, Peruxil e Carelle, onde se pode visitar a igrexa de San Lourenzo. Despois alcánzase o lugar de Corredoiras e pásase por unha encrucillada de camiños antes de encamiñarse cara a Boimorto.

O camiño do Norte únese finalmente ao Francés na vila de Arzúa, e a partir de aquí seguen o mesmo percorrido.

 

  

  

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer