Os Camiños de Santiago

PrinterSend to friendPDF version

Altar maior da catedral de Santiago

Image

Image

Image

Image

Image

Image

Image

Image

 

Ana Anllo Carreira

A Península Ibérica forma parte, segundo determinados textos antigos, das terras nas que o apóstolo Santiago predicou o cristianismo. Tras morrer decapitado en Palestina, cara ao ano 44 d.C., os seus discípulos, segundo a tradición, trasladaron o corpo nunha nave cara a Galiza.

Os tempos difíciles e o despoboamento do norte peninsular levaron ao esquecemento o lugar do enterramento, pero no 820 descóbrense uns restos que as autoridades eclesiásticas consideran de Santiago o Maior. Isto sucedeu nun bosque perdido e deu lugar ao nacemento da actual cidade de Santiago de Compostela.

O descubrimento dos supostos restos do apóstolo Santiago entre finais do século VIII e o século IX supuxo o comezo de todo un fenómeno de peregrinación ao sepulcro do único discípulo de Cristo, xunto con San Pedro en Roma, que está enterrado en chan europeo; debido a isto acudían a Compostela milleiros de persoas a contemplar e a venerar os restos apostólicos.

Arredor do santuario compostelán proliferan numerosas actividades económicas xustificadas precisamente pola industria da peregrinación, segundo evidencian nomes tales como Praza das Praterías, ou das Acibecherías. Anos máis tarde, o carácter apostólico da súa igrexa e as riquezas acumuladas grazas aos peregrinos permitirían a un bispo emprendedor, Diego Xelmírez, converter a súa sé en arcebispado.

Os Peregrinos que chegaban a Santiago, viñan de todas partes e lugares guiados pola Vía Láctea; seguindo “ O Camiño das Estrelas” chegaban ao “ Campo das Estrelas”(Compostela) onde descansa Santiago o Maior.

Non cabe dúbida de que o Camiño de Santiago constituíu no seu momento non só unha ruta de peregrinación relixiosa, senón tamén unha vía de entrada da cultura e tendencias artísticas procedentes de todos os lugares de Europa. Galicia conta cunha gran riqueza de ambos os dous estilos , tanto do románico (arte chegada no século XI ) coma do gótico.

Todo parece indicar que nun principio deberon existir múltiples vías que permitían aos peregrinos alcanzar Compostela. Á súa chegada, atopaban a Catedral de Santiago, que comezou a construírse no 1075 e rematou no 1124, evolucionando desde a súa orixe románica a través dos máis diversos estilos, especialmente o barroco, que alcanzou a súa culminación na fachada do Obradoiro (1738-1750).

Na actualidade, na visita dos peregrinos á catedral, adoita cumprirse un ritual que os leva ao camarín do altar maior para dar a tradicional “aperta” ao apóstolo Santiago (escultura de orixe románica) para acudir despois á cripta onde se conservan os seus restos (oitenta e cinco ósos, dos cales están completos vinte e cinco) nunha caixa de madeira preciosa forrada de veludo dentro dunha urna de prata cicelada no altar.

Tamén forma parte do ritual a visita ao Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo, quen colocou no eixe central a Cristo Rei rodeado de catro evanxelistas. Un dos aspectos que máis chama a atención neste pórtico é a gran variedade de instrumentos musicais que sosteñen nas mans os vinte e catro anciáns da Apocalipse que se encontran tallados na primeira arquivolta do van central. 

O ritual remata coa asistencia á Misa do peregrino, na que é frecuente ver o funcionamento do botafumeiro que voa dende a nave do cruceiro.

Cando o peregrino chegaba a Compostela ía directamente á catedral guiándose pola luz do faro que se atopa nos tellados da mesma; na actualidade o faro só se acende durante os anos santos. As rúas estaban construídas de tal forma que chegasen por onde chegasen, os peregrinos ían terminar na catedral. Os motivos desta insistencia en que este o primeiro lugar que visitasen eran sinxelos se pensamos que estes home e mulleres levaban meses camiñando en malas condicións hixiénicas e de saúde.

Nas cubertas do tellado podemos atopar o “ Pilón da Cruz dos Farrapos” onde os peregrinos podían recibir roupas novas sempre e cando queimasen as vellas e sucias, isto é, os farrapos que levaran durante todo o percorrido. Con isto o peregrino quedaba encantado e, ao queimar as roupas vellas, non había transmisión de enfermidades dentro da cidade. Na actualidade estas cubertas son de granito e están escalonadas, pero na antigüidade estaban cubertas por tellas.

Na imaxe inferior podemos observar na planta alta da catedral “a tribuna”, onde se lles permitía aos peregrinos escoitar a santa misa e pasar a noite despois do longo camiño percorrido.

Na actualidade os períodos de maior afluencia de peregrinos coinciden con Anos Santos Composteláns que se celebran cada 6, 5, 6 e 11 anos. Durante este período ábrese a “Porta Santa” que permanece tapiada o resto do tempo. Esta porta foi construída no ano 1611 no muro románico da Praza da Quintana para establecer comunicación co Mosteiro de San Paio. No retablo podemos observar as vinte e catro imaxes dos santos procedentes do primitivo coro do Mestre Mateo.

Tras a súa estancia na Catedral o peregrino pode solicitar a “Compostela” que é un documento acreditativo da peregrinación concedido polo Cabido catedralicio. Para conseguir este documento é necesario presentar a Credencial do peregrino cos distintos selos que probas o paso polas distintas localidades. Os selos corresponden a Confrarías e asociacións de Amigos do Camiño.

Debido á gran diversidade das procedencias dos peregrinos iranse definindo seis itinerarios principais de chegada desde toda Europa:

En Francia podemos destacar catro camiños principais que pasaban por lugares de culto, como Chartres e Tours. Trátase dos seguintes:

  • Vía Turonense
    Parte de París pasando por Tours e Poitiers.

  • Vía Lemovicense
    Parte de Vezelay e atravesa Limoges e Perigueux

  • Vía Podiense
    Parte dende Le-Puy-en-Velay pasando por Moissac e Conques, alí encóntrase coa via Gebennensis que comeza en Xenebra

  • Vía Tolosana
    Parte de Arles pasando por Montpellier e Toulouse

Estas vías desembocaban en Saint Jean Pie-de-Port (Roncesvalles) ou Urdos (Somport) nos Pirineos. En España o camiño iníciase nos portos de Somport (vía tolosana) e o de Roncesvalles (Navarra).

  • Vía da Prata
    (existente xa en época romana): utilizado por peregrinos do centro e sur da Península Ibérica. Seguían a vía que dá nome ao camiño entre Mérida e Astorga e continuaba por terras de Ourense ata Compostela.
  • Camiño Portugués:
    utilizado polos peregrinos procedentes do veciño país, entraba polo sur-oeste de Galicia.
  • Camiño Inglés:
    seguido por peregrinos que desde o norte de Europa ou as Illas Británicas chegaban a portos coma os da Coruña ou Ferrol.

Tamén se consideran itinerarios xacobeos os dous seguintes:

  • Camiño de Arousa ou Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla: rememora o itinerario polo que, segundo a tradición, chegaron os restos mortais do apóstolo a Galicia en barco.
  • - Camiño de Fisterra-Muxía: utilizado por determinados peregrinos medievais que, tras a estadía en Santiago, prolongaban a viaxe ata o extremo occidental da terra naquel tempo coñecida.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer