O Románico

Mª Luisa Freire Lodeiro

Coa chegada do milenio vívense en Europa unha serie de cambios que van implicar a renovación cultural do continente. Entre estes acontecementos históricos hai que destacar a Reconquista que tivo lugar na Península Ibérica, o xurdir das linguas románicas e o crecemento económico e cultural que se produce ao redor do ano 1000 coa entrada nun período tranquilo sen pestes nin fames e con certa estabilidade política. Isto provoca un crecemento demográfico, grazas tamén á introdución de novas técnicas na produción agrícola, que van facer que aumenten as colleitas e rexurda o comercio, e con el nacerá unha nova clase social, a burguesía, formada por pequenos comerciantes e artesáns. Todo o anterior facilitará o auxe das cidades con novas rutas de comercio, vinculadas aos camiños de peregrinación. Estes cambios na sociedade farán mudar o mundo. Agora aparecen novas necesidades, entre elas a de construír, sobre todo edificios relixiosos, xa que estamos nun modelo de sociedade teocéntrico. Estas construcións promocionaban o novo poder dos reis cristiáns e da igrexa, que por aquel entón competían cos reinos musulmáns.

Image

 

Image

 

Image

 

Image

 
Image
 

Image

 

Image

 

Image

 

Image

Neste contexto hai que situar a aparición dunha nova arte, a arte románica. Trátase dunha arte europea que xorde entre os séculos XI-XIII e, aínda que en cada país ten as súas peculiaridades, pódese considerar o primeiro estilo internacional do mundo coñecido até entón.

A difusión desta arte débese á orde de Cluny, de orixe francesa. Grazas ao seu gran poder (chegou a contar con máis de 50000 monxes e 1500 mosteiros e varios Papas saíron desta orde bieita) poderá difundir os seus coñecementos e ideas, xa que o seu principal labor era a peregrinación xunto coa predicación da cruzada.

A orde de Cluny foi unha defensora do uso de imaxes e da veneración de reliquias, o que daría lugar ao tráfico destas e isto, á súa vez, ás peregrinacións, en especial a Xacobea. O movemento de devotos desprazou miles de persoas e non só facilitou o intercambio cultural senón que tamén deu un gran auxe ao comercio, o que lle outorgou á orde un gran poder económico e á vez lle fixo adquirir poder político, chegando a estar por riba de reis e emperadores.

Os cambios socioculturais, entre outros, veranse reflectidos na arte. Do mesmo xeito que outras culturas, como o Islam, usaban a arte para manifestar poder, o cristianismo utilizaría esta nova arte, o románico, para a construción das súas catedrais e igrexas. Estes edificios contarán con novas estruturas arquitectónicas e serán máis ricos, sobre todo se os comparamos coas anteriores construcións (prerrománicas e paleocristiás) moito máis modestas e sinxelas.

Períodos do Románico

Antes de falar dos diferentes períodos do románico, sería interesante mencionar a arte prerrománica (séculos VI-X) desenvolvida por visigodos e mozárabes, e a asturiana, que se chegará a fusionar co románico.

Este estilo evolucionará desde o primeiro románico ou Románico Lombardo (procedente de Lombardía, norte de Italia), presentando a maior influencia en Cataluña pola súa proximidade a Europa, aínda que tamén podemos atopar as súas influencias máis aló de terras catalás. Temos un exemplo disto na igrexa de San Martiño en Foz (Lugo), realizada sobre unha construción anterior, como evidencian os vestixios prerrománicos.

O período máis importante sería o correspondente ao chamado Románico Pleno, cuxa consolidación e difusión se debe á xa mencionada Orde de Cluny. E xa no século XII xurdirá unha nova influencia coa orde do Císter, buscando espazos máis abertos, un equilibrio de liñas e menor decoración escultórica, o que dará lugar a unha nova arte: o gótico.

Características do Románico

Arquitectura

O desexo de construír templos perdurables e que puidesen demostrar a grandeza dos reinos cristiáns provoca que as novas construcións se baseen na altura e na procura de maior luz interior. Para iso utilizarán materiais resistentes como a pedra e os teitos serán abovedados (así evitaban que se queimasen, por estaren construídos con madeira). Estes novos teitos provocan a incorporación dun novo elemento arquitectónico, os contrafortes pegados aos muros, con alicerces máis anchos. A planta para todos estes templos será de cruz latina. O cruceiro separará os fieis do coro. Un elemento moi importante destas igrexas peregrinas será o deambulatorio, que pasaba detrás do Altar Maior e accedía á cripta onde se atopaban as reliquias.

Cando os templos tiñan certa importancia podían ter varias portas. A principal estaba orientada a occidente e se era ancha podía estar dividida por un parteluz. Estas portas e xanelas aparecen adornadas con arquivoltas abucinadas talladas e poden constar dun tímpano, tamén tallado con algunha representación relixiosa.

Escultura e pintura

Tanto a escultura como a pintura non tratan de reflectir a realidade dunha maneira natural, senón que seguen formas xeométricas. A decoración, claramente simbólica, funcionaba como unha especie de catecismo de pedra co obxectivo, entre outros, de ensinar e adoutrinar o pobo posto que a gran maioría dos fieis, por non dicir todos, eran analfabetos. Os seus modelos son tomados de pasaxes bíblicas, como podemos observar en capiteis, tímpanos, etc. Tamén podemos atopar outro tipo de representacións, con animais fantásticos ou escenas da vida cotiá, nas que se evidencia a mentalidade da sociedade da época.

Destaca o traballo escultórico galego, que chegará á súa cima coa construción da portada das Pratarías do mestre Esteban, así como o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, con certa transición do románico ao gótico, o que reflicte unha certa tendencia máis naturalista.

A pintura era mural, de influencia bizantina, policromada, de cores vivas e brillantes. Pintaban figuras planas, de frontalismo hierático, sen perspectiva e de tamaño xerárquico. Podemos atopala en ábsidas, pero a súa mala conservación fai que apenas queden restos destas obras en Galicia.

O Románico en Galicia

O epicentro do románico en Galicia será, sen ningunha dúbida, Santiago de Compostela. Coa construción da súa catedral, promovida polo descubrimento dos supostos restos do apóstolo Santiago (estes ósos realmente non pertencían ao apóstolo Santiago, quen probablemente nunca chegou a terras galegas, senón que posiblemente pertenzan a Prisciliano, bispo de orixe galega, executado por herexía) a cidade convértese no terceiro centro de peregrinación da cristiandade xunto con Roma e Xerusalén.

A construción da catedral empezou co arcebispo Diego Peláez, pero polas súas diferenzas co rei Afonso VI será destituído e, por un tempo, as obras paralízanse. Será entón cando Diego Xelmírez se converta no gran promotor da cidade e da mesma catedral. Este arcebispo puido lograr as súas metas grazas ás súas grandes influencias, non só cos reis cristiáns da época, senón que tamén contaba co favor do papado pola súa boa relación coa orde de Cluny, de feito era o protexido do irmán do papa Calisto II.

Tanto os reis como a igrexa xogaron coa superstición da xente usando e promovendo a imaxe de Santiago como Santiago Matamouros, de maneira que tanto os nobres como a xente común, moi suxeita a este tipo de supersticións, para contar coa súa protección na loita mantida cos musulmáns por recuperar a terra santa, ou ben en busca do perdón divino, debían entregar grandes sumas de diñeiro como ofrenda para o apóstolo, o que cada vez lle daba máis poder económico e político á cidade e ao arcebispo.

A edificación da catedral de Santiago de Compostela marcou unha nova influencia para as construcións en Galicia, especialmente na arquitectura, aínda que serán construcións máis sinxelas e simples, pero sobre todo verase a súa influencia no traballo da ornamentación de igrexas e mosteiros. Os mestres rurais imitaban o estilo do Mestre Mateo, creador do Pórtico da Gloria, como podemos ver na decoración de esculturas nas portadas de Santo Estevo de Ribas de Miño, pero de maneira máis sinxela. Outro mestre que influirá moito na construción rural destes edificios relixiosos sería o Mestre Esteban, colaborador estreito de Xelmírez, cuxo estilo se estenderá por toda Galicia. As súas formas ornamentais terán unha temática vexetal, figuras humanas e animais, ou con decoración zoomórfica, así como outros temas máis complexos.

O románico en Galicia non se circunscribe, pois, só á catedral de Santiago, senón que temos un conxunto importante de mosteiros e pequenas igrexas situados sobre todo na Ribeira Sacra ao longo do Río Sil, e tamén ao longo do río Miño, onde aínda quedan moitos mosteiros medievais, o que fai desta zona de Galicia unha das máis ricas de España en canto a patrimonio románico.

O Románico na Ribeira Sacra

Image

Esta zona atópase entre as provincias de Lugo e Ourense, polas ribeiras do río Sil. O nome Ribeira Sacra dáselle xa no ano 1124, cando a raíña María Tareixa de Portugal menciona este nome nun documento dirixido ao mosteiro de Montederramo. Grazas á súa xeografía e clima é ademais unha zona ideal para a agricultura vinícola, cuxa tradición provén xa dos romanos.

A súa expansión débese aos moitos mosteiros da zona, atraídos por ser unha zona illada, buscada polos monxes dedicados á vida retirada, así como tamén polas vantaxes económicas, como a explotación vinícola. O seu maior apoxeo chegará entre os séculos XII e XIII e decaerá até case ser abandonada no século XIX coa desamortización de Mendizábal, que confiscaría os bens da Igrexa para paliar a grave crise económica que se sufría.

Na Ribeira Sacra atopamos, sobre todo, mosteiros de orixe medieval. As súas construcións son máis sinxelas que a catedral de Santiago, pero podemos ver a súa influencia na decoración das esculturas, así como en certos elementos arquitectónicos como o uso do arco de medio punto, columnas con fustes lisos, con bases e capiteis decorados con gravados de temática similar á das construcións románicas máis importantes.

Image

De entre estas construcións podemos destacar dous mosteiros que se atopan na provincia de Ourense. O primeiro, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada do Sil) contaba cunha comunidade reducida e de poder limitado, pero tiña o favor dos reis e do papado, os cales se encargaban de protexer as súas terras e as súas explotacións. Unha parte importante da súa economía baseábase no porto fluvial. En canto á súa arquitectura, destacamos a capela central, ricamente decorada con capiteis historiados.

Outro mosteiro da mesma zona é o de Santo Estevo de Ribas do Sil (Nogueira de Ramuín), un dos máis significativos da Ribeira Sacra e actual Parador Nacional. A parte máis importante para a historia da cultura galega é a igrexa románica dos séculos XII e XIII, así como unha peza do seu mobiliario e un retablo de forma pentagonal no que se representan unha serie de pequenos arcos sobre columnas, en imitación doutra peza creada para a catedral de Santiago de Compostela.

Image

 

Image

Na provincia de Lugo podemos destacar o mosteiro de Taboada dos Freires (Chantada), no que traballou o Mestre Pelagio. Nel salientar o tímpano da porta principal da igrexa, na cal aparece o seu nome e a data, ademais da escena bíblica da loita do xuíz Sansón contra o león.

No municipio de Pantón atopamos tamén unha gran concentración de mostras de arquitectura románica. Esta zona conta con varios mosteiros, como o de San Salvador de Ferreira ou o de San Miguel de Eiré, singular pola súa única nave e por certos restos paleocristiáns.

O Mestre Mateo tamén influirá na construción de catedrais como as de Lugo e Ourense e o mosteiro de Monforte. Da catedral de Lugo podemos dicir que é un cómputo de diferentes estilos arquitectónicos, comezando polo románico, seguido do gótico e o barroco para terminar co neoclásico. Do románico consérvanse aínda elementos arquitectónicos como a planta de cruz latina, con tres naves e o deambulatorio con cinco capelas absidais. Case toda a nave maior conserva o estilo románico, así como o teito abovedado e o triforio.

Bibliografía

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer