A Muralla

Mª Jesús Esteban Quiñoá

Para os lucenses, a muralla romana non é só un monumento senón tamén un símbolo da cidade que nos identifica e do que nos sentimos plenamente orgullosos. A vida transcorre dunha ou outra maneira ao seu arredor e din que mesmo forma parte do noso carácter.

O seu adarve foi ao longo dos séculos testemuña de conflitos, de conspiracións, de paseos, de confidencias, de primeiros bicos e tristemente tamén de suicidios; nos últimos tempos, de “botellóns”.

Houbo varios intentos de derrubala para permitir o crecemento da cidade, especialmente no século XIX, pero finalmente tras a súa declaración como Monumento Nacional no ano 1921 non houbo lugar para facer semellante obscenidade. Este foi o punto inicial dun recoñecemento e revalorización do monumento que tivo o seu premio máis importante o 30 de novembro do 2000 co recoñecemento pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, un agasallo á cidade, a todos os lucenses e a Galiza.

Primeiros estudos sobre a Muralla ata a súa declaración como Monumento Nacional (1921).

A primeira referencia escrita que se coñece deste Monumento data do ano 1496, aínda que só se trata dunha breve recensión do alemán Herman Küning von Bach na que facía o seguinte comentario sobre a nosa cidade: “Ás III millas chegas a Lucos, á cidade, alí establecidos, xunta unha ponte atopas uns baños (en referencia ás Termas Romanas). A cidade está admirablemente edificada, como é mostra delo unha muralla propia ...”

Ata o século XVI non se atopan referencias adicadas ao “estudo“ do monumento. A primeira delas é a que realizou o Licenciado Bartolomé Sagrario de Molina, quen, máis que un estudo en profundidade, nos ofrece notas recollidas en viaxes, charlas con señores, prelados e capitulares, e pouca información escrita. Afirma que as torres están situadas a cada oito pasos e que teñen moitas ventás. Outorga ao monumento unha orixe romana e indica que a forma do perímetro é quadrada. Deste século data o plano de Lugo no que se recoñecen as oitenta e cinco torres.

Entre outras referencias ao monumento cabe destacar a do cronista Ambrosio de Morales que viaxou polo noroeste hispánico e na súa Relación del viaje Sagrado a los Reynos de León, Galicia y principados de Asturias (1765) dá conta ao rei de que a muralle é cadrada, sen comentar que é redondeada nos ángulos coma outras fortificacións occidentais, e tamén indica que ao repoboar a cidade o rei Afonso II atopou enteira “a fortificacións dos románs”.

Image

O cóengo Juan Pallares e Gaioso realizou unha recompilación bibliográfica do que sobre o monumento había ata o momento e coincide con Mauro Ferrer, o Licenciado Molina, Gil Ibáñez e Frei Felipe de la Gándara e Ulloa na orixe romana do monumento. Ademais indica que son oitenta e seis os cubos orixinais.

Xa a finais do século XVIII, o Padre Frei Manuel Risco fixo relación dos vestixios romanos da cidade, centrándose fundamentalmente na muralla e indicou que contaba con oitenta e cinco cubos e torres (as torres eran para este autor as que tiñan corpos altos con ventás asentadas sobre os cubos). Aludiu á redondez do recinto e indicou que as torres cumprían as normas de Vitrubio, aínda que non é totalmente regular pois é máis longo que ancho. Deste xeito contradí o afirmado polo Licenciado Molina que a describía como quadrada. Postos a dar a razón, cada un deles ten á súa parte, pois trátase dun cuadrilátero, pero coas esquinas redondeadas.

Risco tamén observou a desigual separación entre as torres, das que di que tiñan dous pisos, e tres, catro ou cinco ventás, e vestixios de chemineas (o que leva a pensar que os cubos foron reutilizados como vivenda nalgún tempo). Tamén fai mención ás torres de planta rectangular, supoñendo que sexan as referentes ao lado Leste, xa reformadas con posterioridade á época romana, e non ás situadas entre as portas Miñá e Porta Santiago, froito de restauracións moi posteriores co fin de ampliar o espazo da Rolda exterior, treito no que as torres foron substituídas por contrafortes oblicuos (Neste tramo de Rolda había sete torres, incluíndo as de flanqueo de portas).

As teorías do Padre Risco serviron de fonte a moitos historiadores e arqueólogos e moitas das súas apreciacións son válidas hoxe en día. Outras, tales como a datación das “pedras de sillar” das torres no reinado de Afonso XI e a indicación de que foron colocadas por mandato do Infante don Felipe, cando estes sillares corresponden ao sistema romano de fortificación, están superadas. 

Image

Durante o século XIX as mencións á muralla de Lugo son frecuentes nas historias xerais de Galicia de varios escritores galegos como BenitoVicetto (1886), que a consideraba “romano-galega”, e Murguía (1886), que transcribe un adaxio popular (segundo el en galego do século XV) que relaciona as murallas de Lugo e Astorga:

Quen fez a Lugo fez Astorga
e a Ponte da Cigarrosa,
e levou a pedra no capelo,
con que fez a Coronatelo

Dos autores lucenses, destaca por estas datas Bartolomé Teijeiro y Sanfíz quen, baseándose nas obras de Molina e Risco, dá varias medidas, fai unha detallada descrición do recinto e proporciona unha relación das reformas e reedificacións do século XIX. Por el sabemos que preto da Porta Nova había unha torre ruinosa con tres ordes de ventás superpostas con arcos de medio punto e que a altura era superior a vinte metros. Tamén realizou unha relación de varios materiais, case todos epigráficos (once inscricións en total), achados nas reformas da muralla e que el atribúe a “pobos seguintes aos romanos”. Isto non é fácil de afirmar pois, por unha parte, nalgúns casos estes foron comprobados polas últimas investigacións e, por outra, hai que ter en conta que a reutilización de materiais era algo xeral en todo o orbe romano.

Como xa comentei, durante o século XIX houbo varios intentos de demoler a muralla. O primeiro data do ano 1812 cando o Comandante Xeral de Enxeñeiros Felipe Paz intentou derrubala sen acordo do concello e sen dar a coñecer estas intencións aos veciños. Finalmente unha Xunta de Oficiais parou o tema.

A finais deste século, no ano 1895, había dous grupos na cidade ben posicionados: os murallistas e os antimurallistas. Os primeiros defendían o monumento alegando a orixe romana e o afecto e respecto os legado deixado polos nosos devanceiros; os segundos sostiñan que a muralla era un impedimento para o progreso e o crecemento da cidade, e argumentaban razóns de salubridade (hai que ter en conta que naqueles tempos había moitas casas pegadas e empregaban o adarve como latrinas).

Nesas datas un grupo de concelleiros facía a proposta de demolición da muralla e outros falaban de pechar todas as portas agás unha. Ante este despropósito, o historiador Villamil y Castro fixo todo o posible para rebater ao enxeñeiro Andrade que afirmaba que a obra non era romana senón do século IX e probar que a construción era romana. Para iso empregou tanto documentos (que ían dende o ano 747 ao 1132), como citas (dende Morales ata Risco). Villamil tamén fixo referencias a Murguía e ao historiador alemán Hübner (do que presentou tanto un extracto da súa obra como correspondencia persoal na que trataban este asunto) que tamén confirmaban a orixe romana do monumento.

Outro persoeiro que saíu en defensa das murallas foi o cóengo de Lugo Antolín López Peláez quen, aínda que non cría na orixe romana do monumento, apostaba por mantela en pé defendendo que “se o tempo non foi quén de derruíla, non fose o home o que a destruira”.

Durante varios anos estas loitas dialécticas entre os que trataban de demolela e os murallistas permaneceron. Houbo incluso malas formas (os antimurallistas chegaron a atentar contra o monumento) ou outras opcións máis sibilinas coma a de Rof Codina que no ano 1905 publicou un artigo con pseudónimo no que expoñía que farían falla máis de 78 anos en facer desaparecer completamente a muralla, o que tería un custo económico que non podería ser asumido por un pequeno concello como o da cidade.

No ano 1912 aceptouse no Congreso dos Deputados unha proposición de Lei para que a muralla fose declarada Monumento Nacional, pero non foi ata o ano 1921 cando e declaración foi efectiva, o que implicaba a súa conservación e coidado. Esta resolución foi, como era de esperar, recollida con agrado polos murallistas e a maioría da poboación e rexeitada polos antimurallistas, que seguían mantendo que esta declaración impedía á cidade expandirse e ensancharse.

A Declaración marca un punto de inflexión na historia do monumento, tanto a nivel de conservación como de reformas, cambios e estudos. Entre estes últimos destacan os traballos de Ian Richmond(1931), Manuel Vázquez Seijas, Salvador Castro Freire (1951), Narciso Peinado, e máis recentemente, Felipe Arias Vila e Adolfo de Abel Vilela.

Que é e que foi a Muralla para os lucenses?

Primeiramente hai que destacar o uso primeiro para o que foi creada: militar e defensivo, uso que tivo dende a época romana ata mediados do século XIX, pasando pola época sueva, a musulmá co mouro Muza ao mando, o asedio de Almanzor (984), a época do rei Afonso VI coa Rebelión do Conde Rodrigo Ovéquez, o asedio dos irmandiños, as accións militares na guerra contra os franceses (1809) e a primeira guerra carlista.

Pensemos que a Muralla tiña orixinariamente cinco portas, das que algunha, como a Falsa, estivo pechada moitos anos para poder controlar as entradas e saídas da xente e das mercadorías e poder restrinxir o paseo en épocas de pestes e enfermidades .

Image

Como era de esperar, a igrexa tivo tamén un papel importante, tanto nas loitas políticas pola súa propiedade como no emprego dos corpos de garda das portas como capelas. O adarve foi empregado como uso procesional (costume que se está a recuperar nos últimos anos coas procesións de Semana Santa). Das portas da muralla, tres eran consideradas sagradas: a de San Pedro, a Miñá e a Nova e por esta razón os condenados á forca eran sacados pola Porta Falsa ata o seu cadafalso, que podemos situar pola zona exterior á nova porta Bispo Odoario.

Nos séculos XVI, XVII e XVIII o concello aberto da cidade de Lugo reuníase na Torre da Murega (na zona da Porta Santiago).

 

Un dos aproveitamentos que os veciños da cidade fixeron foi o emprego das torres como vivendas e nos ocos entre dous cubos erguíanse edificacións (vivendas, talleres, alboios ...). Desta maneira utilizaban unha das paredes do edificio e en moitos casos usaban materiais propios da muralla. No ano 1971, coa “ Operación Muralla Limpa”, procedeuse á expropiación obrigatoria e urxente de todos os edificios pegados polo exterior, para a súa eliminación.

O seu adarve foi e segue sendo paseo obrigado da cidade. Mesmo nos tempos en que había casas pegadas prohibiuse que estas a superaran en altura e que as chemineas “molestasen aos viandantes”. É frecuente ver aos lucenses cada mañá e cada tarde dando a súa “volta á muralla”, paseando tranquilamente ou facendo deporte.

A muralla, tanto no seu adarve como polo exterior, na Rolda, é testemuña muda de todas cantas manifestacións culturais e políticas se levan a cabo na cidade.

É tamén un referente para estudar a historia da cidade e de Galicia pois cada pedra é un anaco do pasado e a muralla, unha fonte case inesgotable de estudo para arqueólogos, historiadores e científicos.

A muralla como sistema defensivo

Image

Lugo amosa o sistema defensivo da época romana, e o seu elemento máis visible é a muralla, que constitúe un exemplar singular en todo o Imperio Romano. É unha grande obra de enxeñería militar rigorosamente planificada, tanto no referente ao seu trazado como nas técnicas construtivas e os distintos elementos arquitectónicos utilizados con fins poliocérticos, é dicir, trátase dun complexo sistema defensivo integrado polo foxo, muralla (Moenia), e posiblemente Intervallun ou rolda interior.

Inicialmente tiña 85 cubos semicirculares (hoxe son visibles 71) con diámetros que van dende os 6.3 aos 13.5 metros e unha altura comprendida entre os 9 e os 12 metros. A parte superior completábase con dous pisos altos que formaban unhas altas torres das que hoxe só queda parte na ventá da Mosqueira. Entre as torres disporíanse tramos rectos cunha lonxitude media de 15 metros aproximadamente. Na parte superior, entre os cubos e lenzos, xeran un adarve ou camiño de rolda excepcionalmente ancho neste tipo de construcións, que vai dos 3.5 ata os 6 metros.

As cinco portas orixinais foron trazadas en función da estrutura viaria interior e exterior. Teñen un único van de acceso en arco de medio punto de granito, material que tamén se emprega nos seus cubos e nos lenzos adxacentes (salvo no caso da Porta Falsa). É de supoñer que do interior podíase acceder ao adarve da muralla por altas escaleiras en cada torre, moitas delas descubertas nos últimos anos.

A defensa completábase cun foxo e empregábanse armas arreboladizas de uso individual, dende as torres ou os seus pisos altos.

Todo isto proba que a muralla é unha complexa obra de enxeñería militar.

O perímetro actual é de 2 266 metros (medido polo eixo do adarve), abarca unha superficie dunhas 34.4 hectáreas con planta aproximadamente rectangular cun eixe maior Norte-Sur duns 70 metros e un eixe menor Leste-Oeste de 500 metros aproximadamente. Os vértices deste recinto son oblongos e redondeados, flanqueados por catro portas, das que dúas son de orixe romana: San Pedro ou Toledana e Santiago ou do Poxigo, e dúas modernas: San Fernando e Bispo Odoario ou do Hospital.

Respecto aos materiais empregados na súa construción, destacan as lousas ou xistos característicos da zona lucense e, en menor medida, granitos e cuarcitas (cantos rodados de río). O emprego das laxas de lousa é normal por ser o material máis abundante nos arredores, facilmente exfoliable para obter placas máis ou menos regulares, o que facilita a súa talla e labra, e por ser lixeira e impermeable. Para a construción facíase unha selección en función da forma, calidade e tamaño. Desta maneira, as máis irregulares aplicábanse para o recheo, outras triangulares para os muros exterior e interior, as placas de lousa cuadrangulares ou rectangulares só aparecen nas escaleiras. As laxas poderíanse obter, moi posiblemente, ao escavar o foxo no terreo natural e o resto a partir das canteiras próximas.

A extracción e transporte de granito era máis difícil e custosa, polo que o uso deste material limitouse, de xeito inicial, ás Portas ( Porta Falsa, Porta Miñá, Porta San Pedro, Porta Santiago e Porta Nova) e ás súas torres de flanqueo e lenzos adxacentes. Tamén se emprega en bloques sen traballar na cimentación.

Como é de esperar, na edificación reutilizouse material xa existente noutras construcións. Este feito é importante para o estudo e datación do monumento.

As portas

O recinto da muralla ten dez portas de entrada ou saída da cidade, das que cinco son de orixe romana e as outras cinco foron abertas posteriormente segundo as necesidades de crecemento da cidade, como por exemplo a Porta da Estación (aberta para achegar a estación de tren) ou a de Bispo Aguirre (para que os cregos accedesen ao Seminario).

Porta Nova

Esta Porta está moi modificada, pero son testemuña do seu aspecto primitivo vellas fotos nas que se revela o seu parecido coa Porta Miñá. Pola Porta Nova pasaba a vía XIX, proveniente de Bracara Augusta (Braga) e saía a vía XX (“per loca marítima”) que enlazaba Lugo cun dos portos marítimos máis importantes, o de Flavium Brigantium( A Coruña). Era a saída da arteria máis longa da cidade e, segundo Schülten, o límite Oeste do campamento augusto. Nesta Porta apareceron diversas inscricións e o relevo de Xúpiter.

Inicialmente era un pequeno e baixo arco de medio punto entre dous torreóns, contaba cun corpo superior de garda, transformado na época medieval en capela dedicada a Sta. Mariña e a Virxe dos Remedios (feito que tamén se dá noutras portas), que foi eliminada no ano 1785.

A porta medieval foi totalmente reformada no ano 1899, dándolle modernidade e maior tamaño. Inaugurada en abril do 1900, esta nova construción débese ao arquitecto Juan Álvarez de Mendoza . A día de hoxe ten 4.80 metros de ancho e 8 de alto con arco campanil e aparello de sillería. Das dúas torres de flanqueo iniciais, unha delas foi totalmente modificada sendo “recortada” pola metade.

Porta Miñá ou do Carme

É a porta mellor conservada de todo o recinto e a súa situación e sistema construtivo permiten coñecer a pauta de todas as portas romanas que tivo a fortificación. Esta saída pertencía á vía XIX que ía a Iria Flavia e ó sueste de Gallaecia, enlazando coa vía XVIII no campamento lexionario Aquis Querquennis (Bande). Cara ao interior da cidade, enlazaba co “decumanun” e atravesaba o espazo do foro de LucusAugusti.

Esta porta está entre dúas torres de sillares de granito, mide 3.67 metros de ancho e ten os dous arcos de medio punto algo rebaixados. Os muros laterais son tamén de granito e pódense apreciar dúas acanaladuras verticais polas que pasaba a reixa. O corpo interior estrutúrase en dous corpos. O corpo superior, con bóveda de canón, estaba destinado en orixe ao corpo de garda e a el accedíase dende o muro interior por unha escaleira apegada. Este oco foi reconvertido na Capela de San Ramón ata que no século XVIII se trasladou á igrexa do Carme. Este é precisamente o outro nome co que se coñece esta porta.

Porta de Santiago ou do PoxigoImage

O seu aspecto é semellante ao da Porta Miñá, pero está máis modificada por distintas reformas. Cambiouse o arco exterior e no arco interior abriuse unha fornela. Ten unha rampla interior de acceso ao adarve e modificouse a torre dereita con lousas e algúns bloques de granito, perdendo a simetría respecto á porta pois quedou máis grande que a torre esquerda.

A proximidade coa Catedral é o motivo polo que aparece en distintos documentos. Dende finais do século XII e durante todo o século XIII foi porta particular para uso exclusivo dos cóengos da catedral. Ata 1759 era coñecida como Porta do Poxigo. Nesta data fíxose unha reforma co obxectivo de dar paso ás carruaxes e construíuse a fornela na que se colocou a imaxe do Apóstolo Santiago sobre as armas do Bispo Izquierdo.

No ano 1838 a parte levadiza estaba en moi mal estado e foi necesaria a realización dun parapeto de defensa ante os posibles ataques carlistas.

Os cubos de flanqueo da porta son lixeiramente asimétricos, como xa vimos, e o esquerdo estivo semioculto por edificacións ata o ano 1970. É de supoñer que nestes cubos habería corpos altos de defensa semellantes aos doutras portas orixinais. Nos tempos de pestes esta era a porta que estaba aberta e tiña unha ponte levadiza.

Porta San Pedro ou Porta Toledana

14 lugo pedroO nome de Porta Toledana está relacionada coa emigración de suevos á capital do reino visigodo (Toledo) na busca de emprego. Na época romana pasaban por ela as vías XIX e XX procedentes de Asturica Augusta.Na Idade Media era coñecida co nome de Santi Petri. Era a Porta de entrada do camiño de Santiago.

O aspecto actual da porta débese á reforma do ano 1781, feito que aparece recollido nunha lápida. Mide 3.70 metros de ancho e 4.85 de altura e dende o exterior apréciase un arco de medio punto sobre o que hai un frontón no que se distingue o escudo de Lugo entre dous leóns. Por riba hai sillares de granito e unha varanda de ferro. Afortunadamente, debido á crise económica de finais do século XIX, non foi modificada no ano 1865 como foi o caso da Porta Nova.

Porta Falsa ou Porta do Boquete

Non está moi claro a que é debido o nome de Porta Falsa. No século XIII aparecen referencias a unha “saída oculta” e outras afirmacións indican que era un buraco feito para dar entrada á vía que ía de Mondoñedo á costa. Ademais, a diferenza doutras portas romanas, esta non presenta simetría respecto aos cubos que a flanquean e carece de sillería de granito. Porén, polas súas dimensións, é unha das orixinais romanas, do tipo de portas chamada posterulae, que tiñan uso militar.

Como case todas, tivo distintas modificacións. Mide 3.45 metros de ancho e 5.65 de alto. Conta con granito nas bocas e cachotería de lousa na parte interior. Posiblemente fora un paso semiescavado no terreo natural, segundo revelarían recentes descubertas arqueolóxicas.

As escaleiras que coñecemos hoxe, da segunda metade do século XVIII, permiten salvar o desnivel. Durante a primeira guerra carlista había un fortín pegado do que se observan algúns restos no paramento exterior que rodea a porta.

 

As restantes cinco portas foron abertas entre os séculos XIX e XX debido ao crecemento da cidade e a súa configuración urbanística.

Porta do Hospital ou Bispo Odoario

É a máis moderna de todas as portas xa que foi construída en 1921 para dar saída a unha das rúas máis longas que cruzan Lugo de leste a oeste (as actuais rúas Montevideo e Bolaño Rivadeneira).

Obra do arquitecto Saénz, foi construída con dobre curvatura para seguir a liña do recinto. Para facela destruíuse o cubo que se correspondía cunha das esquinas redondeadas da fortificación e desmontouse un tramo de entrepanos da dereita á esquerda. A situación desta porta está sobre unha das cotas máis altas da muralla, e considérase que posiblemente neste ángulo estivese a chamada Amena do Rei, pois tiña unha situación privilexiada para contemplar o val do Miño (hoxe en día os edificios situados fronte a ela impiden a visión).

Porta de Bispo Aguirre

A súa apertura data do ano 1894 e fíxose para facilitar o acceso ao novo Seminario e ao cemiterio construído no ano 1858. Foi obra do arquitecto Nemesio Cobreros Cuevillas, que tamén foi o encargado da obra do Seminario. Para facela destruíronse dúas torres ou cubos que contiñan lápidas romanas. Nesta obra atopáronse distintas inscricións e algún material de construción. Ten 10 metros de ancho e unha altura de 8.15 metros .O estilo é moi similar ao que presenta a Porta Nova logo da súa reforma, pero é moito máis ampla.

Porta de Bispo Esquerdo ou Porta do cárcere ou do Campo Castelo

O cárcere da coroa estaba situada en zona intramuros e posteriormente pasou ao exterior. Este feito, xunto coa inauguración do novo Campo da Feira (situado na actual ubicación da estación de Autobuses), foi o motivo para a proposta da apertura dunha nova porta nesta zona. A obra non afectou á estrutura orixinal romana, senón ao Reduto Cristina. Atópase entre un cubo da muralla e o comezo do bastión decimonónico; ao igual que outras portas desta época, foi obra do arquitecto Cobreros Cuevillas, pero mantén unhas dimensións máis reducidas: 4.32 metros de ancho e 7.15 de alto.

Porta da EstaciónImage

A razón da apertura desta porta está na necesidade de dar un acceso directo e doado dende o centro da cidade á estación de ferrocarril. Realizada polo arquitecto Nemesio Cobreros Cuevillas, abriuse no ano 1876 e para iso foron derrubados dous cubos. No ano 1880 e posteriormente no ano 1918 cambiouse por unha máis ancha e máis moderna para favorecer o tráfico (10 metros de ancho e 8 de altura). Os cubos derrubados inicialmente foron reconstruídos no ano 1973 sobre a base orixinal que se atopaba baixo as edificacións pegadas ao paramento da muralla.

ImageImage

 

 

 

 

 

Porta de San Fernando ou Porta do Príncipe Afonso

Esta porta foi aberta en 1856, trala visita da raíña Isabel e o seu fillo á cidade, feito polo que foi coñecida como Porta do Príncipe Afonso. Aproveitouse un “buraco” polo que entraba a auga á cidade, xa en tempos dos romanos. A construción desta porta, situada nunha das curvas do recinto, fixo que unha torre fose derrubada e outra mutilada.

É coñecida como Porta de San Fernando, nome que lembra a presenza do antigo Cuartel Militar do exército instalado nas inmediacións. Esta porta era a de maior confluencia de peóns e tráfico rodado por ser o acceso máis directo cara aos barrios nos que se expandía a cidade fóra de murallas: Agro do Rolo, Piringalla, PadreFeixóo e Garabolos, así como a saída da cidade á estrada N-VI (Madrid - A Coruña), polo que se facía pequena e estreita. Este foi o motivo polo que en 1963 se derrubou a vella porta e se construíu a que hoxe en día coñecemos, moito máis ampliada cá anterior; de feito é a porta que ten maior arco de luz. Para esta ampliación foi precisa unha nova demolición dun tramo importante da muralla e de dous cubos.

 

BIBLIOGRAFÍA

    • ABEL VILELA, A (1972). Origen de las edificaciones adosadas a la muralla de Lugo. Lugo.
    • ABEL VILELA, A (1975). 200 años de obras y restauraciones en la Muralla de Lugo. Lugo
    • ABEL VILELA, A (1996). Guía de la Muralla romana de Lugo. Lugo
    • ABEL VILELA, A/ ARIAS VILA, F (1975) Guía arqueológica romana de Lugo y su provincia. Lugo.
    • ARIAS VILA, Felipe (1972). La murallas romanas de Lugo (Studio Archaelogica 14) Santiago de Compostela.
    • ABEL VILELA, A/ALCORTA IRASTORZA, E/ARIAS VILA, F/CARREÑO GASCÓN, C/LÓPEZ de REGO URIARTE, J.I (2004), A Muralla de Lugo. Patrimonio da Humanidade. Excmo. Concello de Lugo.
    • CAAMAÑO GESTO, J.M (1999) El urbanismo del campamento romano de Cidadela.
    • DELGADO GÓMEZ, JAIME (1993) Aspectos del mundo romano del que surgió nuestro “Lucus” Diputación Provincial de Lugo.
    • GARCÍA ORO, J (1991) La ciudad de Lugo y la Iglesia en la Baja Edad Media. Lucensia. Lugo.
    • LÓPEZ ACUÑA, A (196) Estado de las murallas lucenses en el año 1791. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Lugo.
    • MEIJIDE CAMESEÑE, G (1997) A Muralla romana de Lugo. (Xunta de Galicia). Lugo.
    • PEINADO LÓPEZ, N. (1970) Lugo monumental y artístico. Lugo.
    • RODRÍGUEZ COLMENERO, A (1993), en Galicia. Arte IX. Arte prehistórica y romana (Ed. Hércules). A Coruña.
    • RODRÍGUEZ COLMENERO, A./ CARREÑO GASCÓN, C/ y otros. (1995) Urbs Romana. Los orígenes de la ciudad de Lugo. Excmo. Concello de Lugo.
    • TORRES, C ( 1982) La Galicia Romana . Fundación Barrié de la Maza. A Coruña.
    • TRAPERO PARDO, J ( 1986) Lugo y su Muralla . Ed. Everest. León.
    • VÁZQUEZ SEIJAS, M (1955). Fortalezas de Lugo y su provincia. Tomo I. Diputación Provincial de Lugo.
    • VÁZQUEZ SEIJAS, M. (1955). Las murallas romanas de Lugo. Primitivos accesos. Boletín de la Comisión Provincial de Monumento de Lugo

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer