Entrevista co arqueólogo Felipe Arias Vilas

PrinterSend to friendPDF version

Entrevista co arqueólogo Felipe Arias Vilas (galego)

Entrevista realizada o 24 de novembro de 2011
Ana Anllo, José Antonio Armesto, Antonio Bernárdez, María X. Rodríguez.

Felipe Arias Vilas, archaeologist

Felipe Arias Vilas (Lugo, 1949) é licenciado en Filosofía e Letras (sección de Xeografía e Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela onde obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura cunha tese sobre a muralla romana de Lugo en 1972. Funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos desde 1974, desde 1983 dirixe o Museo do Castro de Viladonga onde coordinou desde 1982 os traballos arqueolóxicos de escavación e consolidación. Foi Director Xeral de Patrimonio Cultural na Xunta de Galicia. É autor (só ou en colaboración) de máis de cento setenta publicacións sobre temas de arqueoloxía, epigrafía e numismática romanas, museos, patrimonio, etc.

 

 

 

 

É a cultura castrexa unha cultura autóctona ou unha variante dunha cultura máis extensa indoeuropea ou céltica?

A cultura castrexa presenta singularidades na medida en que, por exemplo, hai castros en Castela, pero non se fala alí de cultura castrexa. Unha das singularidades e riquezas da cultura castrexa é que é algo propio de aquí. En primeiro lugar, habería unha base autóctona moi forte, cun substrato indíxena moi antigo, antes chamado precéltico, “o eterno campesiño neolítico galego” en palabras do profesor Alonso del Real. Ademais, hai unha compoñente atlántica, común á fachada atlántica europea (Illas Británicas, oeste de Francia, Bretaña...). En terceiro lugar, existe unha compoñente mediterránea que antes non se tiña moi en conta e que agora se considera importante: púnicos (non tanto fenicios como cartaxineses), tartésicos…, dos que aparecen influencias claras na ourivería castrexa ao igual que sabemos dun enclave púnico na ría de Vigo. Esta compoñente non é tan forte como a atlántica ou centroeuropea, pero existe. Por último, é moi importante a achega centroeuropea, asociada tradicionalmente ás chamadas invasións celtas da Idade do Ferro (que non existen como tales invasións). Hai unha influencia céltica en toda Europa en aspectos como a relixión, a lingua ou a cultura material, aínda que é difícil que aparezan todos os aspectos xuntos nunha mesma zona e iso é o que ocorre aquí, que hai cousas célticas e outras que non o son; algúns elementos como certas divindades ou linguas de base céltica aparecen espalladas por case toda Europa.

A amálgama daqueles catro compoñentes fai da cultura castrexa algo peculiar, diferente por exemplo do mundo celtibérico, que tamén ten uns trazos célticos, polo que podemos falar da singularidade dos castros galaicos. Aí están como elemento xeográfico coa súa presenza na paisaxe e a propia configuración dos emprazamentos, os seus tipos e modelos diferentes segundo a orografía, e a súa forte densidade (con algunhas zonas de baleiro como a montaña oriental, onde só se coñecen algúns castros mineiros de época romana). Búscanse paralelos cos mundos céltico e celtibérico o cal non deixa de ser unha posibilidade, pero tamén hai unha corrente que se empeña no paralelismo coa Irlanda medieval (relacionando aspectos do ciclo artúrico) co cal xa se entra a xogar con factores espazo-temporais que poden ser inadecuados. Hai que ter en conta que hai moitos elementos da cultura celta que son comúns a media Europa, e aí tamén entra o debate entre arqueólogos e lingüistas, coa idea dunha koiné ou lingua franca céltica con moitas variantes.

 

Existía unidade política? Tratábase de diferentes pobos ou do mesmo? Que tipo ou tipos de estrutura política presentaban?

É seguro que non había unha unidade política como a concibiriamos hoxe. Moitos aspectos do mundo castrexo coñécense pola epigrafía romana que menciona topónimos, antropónimos..., e os romanos si identificaban o Noroeste como unha zona diferenciada, que chamaron Gallaecia. Os galaicos eran un conxunto de varios pobos relativamente homoxéneo ou con moitas semellanzas entre eles, que habitarían entre o río Douro e o Cantábrico astur-lucense. Logo, os romanos subdividen este territorio en conventus amosando a diversidade que atopan dentro daquel conxunto. Nos textos de Plinio aparecen moitos populi ou civitates, o que dá a entender que non existiu unha unidade política. Pero Roma fixo un conglomerado administrativo que agachaba unha homoxeneidade cultural con límites no río Navia e a liña Ancares-Courel polo leste e ata o Douro polo sur. Se lle facemos caso a Plinio e ás fontes romanas (tendo en conta que son coma xornalistas que escriben para Roma e que algúns coma Estrabón falan por boca doutros, porque nunca estiveron na Gallaecia) entendemos que hai pobos distintos; Plinio di que algúns son célticos, o cal fai supoñer que outros non o eran. As informacións romanas están mediatizadas polo proceso de conquista e o interese pola apropiación dos recursos, fundamentalmente o ouro.

Sobre a estrutura política sábese pouco e discútese agora moito. Hai quen di que antes do contacto con Roma (Décimo Xunio Bruto no II a.C.) había unha sociedade igualitaria que se vai estratificando a partir dese intre. Podemos falar de dúas correntes de discusión, xa que outros din que desde o VI a.C. hai xefes ou unha casta de guerreiros e sacerdotes ao igual que noutras civilizacións, e que se diferencian do resto da sociedade (artesáns, ourives, labregos…). Pode haber algo das dúas cousas, pero o contacto con Roma si vai producir cambios significativos e unha estratificación social e incluso unha especialización dos castros segundo os recursos de cada zona. Agora ben, xa aparecen antes dos romanos xoias como torques, diademas ou pendentes de ouro, que son un símbolo de poderío e xa que logo non son precisos contactos con Roma para que existira certa estratificación social. En palabras do citado Alonso del Real “no neolítico xa se inventaron os alcaldes”.

Podería ser importante tamén o traballo comunal, como o foi e aínda o é nas zonas rurais, e que é compatible coa estratificación social. A arqueoloxía amosa diferenzas sociais, con vivendas mellores e peores, cerámica e xoias, o cal sería acentuado pola romanización, que incrementa a importancia dunha “aristocracia colaboracionista”, como demostran os achados de cerámica sigillata (unha fina cerámica romana de importación). Hoxe sabemos que non todos os castros desaparecen coa conquista, ficando os máis grandes como un modelo de hábitat no rural. Antes da conquista todo o mundo vivía en castros, e despois diversifícanse os asentamentos con cidades, mansións viarias, campamentos, mansións rurais e costeiras e, tamén, castros. Destacarán oppida ou asentamentos de gran tamaño como Briteiros ou Sanfins en Portugal, San Cibrao de Las ou Castromao en Ourense, Santa Tegra en Pontevedra, Elviña na Coruña ou Viladonga en Lugo, cada vez máis romanizados na cultura material (moeda, cerámica, bronces…), pero compatible coas tradicións materiais prerromanas. O que non sabemos é ata que punto se produce a “romanización mental”. Por exemplo, en zonas de contacto máis antigo e intenso (como as Rías Baixas) debería haber unha romanización máis normalizada. Noutras (como a Terra Chá ou o Courel) suponse que sería un proceso máis lento. Pódese usar unha fina cerámica romana pero mantendo unha mentalidade castrexa. É moi difícil calibrar o mundo das crenzas xa que, arqueoloxicamente, moitas veces os obxectos difíciles de clasificar son identificados en base a aspectos relixiosos ou simbólicos (como amuletos) sen termos clara a súa función.

 

Os castros estaban fortificados por razóns defensivas, esa fortificación tiña a finalidade de dar prestixio ou coexistían ambas as dúas razóns?

Hai varias funcións. Desde logo, está a defensiva pero os estudos de Francisco Calo e outros amosan tamén unha función simbólica, de marcar e identificar un territorio e os seus habitantes. Tamén hai unha función sanitaria fronte a ventos, pestes, animais… Cada castro varía a función segundo a súa localización e segundo a época. Non é igual o século VI a.C. que o III da nosa era. Hai castros cunha soa muralla e outros con tres e cadanseus foxos, o que pode ir relacionado con épocas de máis medo, nas que dependen de factores como cada conxuntura concreta, a poboación ou mesmo a intelixencia colectiva. Non hai que esquecer que falamos de “culturas paisanas”, no bo sentido, cunha vida cotiá en xeral non violenta mais con conflitos puntuais relacionados con problemas de pillaxes ou agresións entre veciños. Francisco Calo insiste en que, por cada arma que aparece, pode haber dez ferramentas, o que nos dá idea da menor importancia da guerra en xeral no período castrexo.

As reaccións á conquista foron diversas desde este punto de vista da violencia, con episodios tipo Monte Medulio, magnificados polos romanos para enxalzar o mérito da conquista, e con pactos escritos ou tácitos (Castromao, Bembibre...). Hai galaicos enrolados no exército romano e, iso si, os que máis resisten serán aniquilados ou escravizados.

 

Cal é o modelo ou modelos económico-sociais da sociedade castrexa (moeda, mercado, troco …) antes da romanización? E despois?

Falamos dun modelo agrícola e pastoril, con importancia da metalurxia que era ben coñecida desde a cultura do vaso campaniforme e da Idade do Bronce, a pesar do deterioro dos materiais pola acidez do chan. Pastoril non significa exactamente gandeira, xa que se ben o gando menor sería criado preto ou dentro dos castros, o maior (bovino, cabalos) pastaría en liberdade no monte como se segue a facer agora nalgunhas comarcas. O comercio existe no noroeste desde o campaniforme, coas rexións atlánticas e mediterráneas, mais será minoritario como actividade ata a romanización, cando si hai un maior desenvolvemento comercial, en boa medida a partir da urbanización (Lucus Augusti, Iria Flavia, Brigantium…).

Non podemos falar de moeda prerromana (como hai por exemplo nas Galias) pero si de instrumentos de troco (machados de talón de bronce por exemplo). A romanización implica unha maior estratificación social e unha diversificación dos recursos, coa introdución -por exemplo- das árbores froiteiras, unha maior intensificación ou extensión dos cultivos segundo as zonas, así como o incremento dos intercambios comerciais como demostran os postos e controis comerciais e fiscais en localidades como Lugo ou Brigantium.

Temos unha aproximación do número de castros existentes en Galicia e da densidade de poboación? Cantas persoas podían vivir nun castro de tamaño medio?

Castro of Viladonga, Lugo

Os últimos inventarios achegan arredor de 4.500 ou 4.600 castros ao longo do tempo, non necesariamente poboados á vez, alternando zonas moi densas (case toda a costa salvo zonas como A Capelada) con baleiros (na montaña oriental). É difícil pensar nunha coincidencia total de todos eles, pois a súa ocupación foi variando co paso do tempo.

Plinio fala para o convento lucense (norte de Galicia) de 155.000 homes libres (non inclúe nenos nin mulleres) o que nos levaría a unha poboación arredor de medio millón, mais son meros xogos estimativos. Ao non existir necrópoles (practicaban case co total seguridade a incineración) tampouco temos esta axuda para cuantificar a poboación. Podemos establecer unha tendencia progresiva á concentración da poboación ao longo dun milenio, ficando ao final uns poucos castros, importantes, pola propia vontade de control territorial do Imperio Romano.

O tamaño medio dun castro estaría arredor dos 200 ou 300 habitantes como se ve en Viladonga, un castro bastante escavado. Outros castros escavados máis parcialmente poden levar a engano sobre a poboación residente. Hai que ter en conta ademais factores que inciden e non podemos cuantificar, como a mortalidade infantil ou a escasa esperanza de vida.
 

 

Cal é o ámbito cronolóxico da cultura castrexa? Podemos distinguir fases ou foi unha cultura homoxénea?

Inicialmente propúxose o seu inicio no VI a. C. e o remate no I d.C. coa conquista romana. Hoxe é máis aceptado un inicio desde os s. IX-VIII a. C. (transición Bronce-Ferro) con pequenos castros como Penarrubia, en Orbazai (Lugo). Así poderiamos diferenciar un castrexo inicial (IX-VII a. C.), un castrexo medio ou pleno (VI-II a C.) e un castrexo final. O debate está en se este remataría coa Romanización ou se hai unha pervivencia castrexa dentro dela. É máis aceptado falar desde o século I d.C. non de cultura castrexa senón de cultura galaico-romana rural. Hai unha evolución decisiva e bastante definida entre os primeiros castros iniciais de pequeno tamaño e eses grandes castros finais como Santa Tegra ou Viladonga.

 

Sabemos doutros restos castrexos na cidade de Lugo á parte do Castro da Piringalla? Os romanos puideron aproveitar o espazo físico dun castro para establecer o seu campamento?

Tradicionalmente a historiografía asociou a fundación de Lugo cun castro preexistente, mais iso non parece ser certo. Nos últimos anos apareceron restos de vivendas circulares na zona do Parque de Rosalía e Recatelo, pero non se pode dicir con seguridade que sexan prerromanas. O que está claro é que na contorna había unha gran densidade de castros e que a fundación de Lucus Augusti gardou relación con ese feito, o que non quere dicir que se utilizase un castro previo, afirmación que hoxe non se sostén.

Probablemente Lucus era un lugar de reunión, cunha forte identidade simbólica ou sagrada arredor do culto á divindade celta Lugh ou Lug; por tanto un bosque sagrado que Roma transforma en lugar de culto a Augusto (Lucus Augusti) o que reflicte unha clara asimilación político-relixiosa. Hai tamén un factor militar, co establecemento dun corpo lexionario para impoñer ese mesmo culto e controlar a explotación do territorio. Probablemente os soldados nin sequera eran romanos ou itálicos, salvo os mandos máis importantes, senón doutras zonas do Imperio.

Na Piringalla aparece un castro do século II a. C. do que non sabemos as causas da súa desaparición. Doutros castros dos arredores sábese que foron habitados en época galaico-romana pola aparición de moedas, cerámica e sobre todo de tégulas ou tellas romanas, o cal é unha proba definitiva.

 

Cal é o ámbito cronolóxico do castro de Viladonga? Podemos distinguir fases ou foi unha época homoxénea?

Hai un primeiro nivel habitado no século I a. C., datado con Carbono 14 e con restos de cerámica e muros, situado no ángulo nordés e moi localizado no tempo (apenas 100 anos) e no espazo. A fins do II d.C. e comezos do III faise o asentamento actual, como o vemos hoxe, cun período de construción quizais de máis de corenta anos. Hai zonas cun “nivel de obra” na entrada e no antecastro posterior, cunha zona de ocupación transitoria mentres se construía o castro. Así, o hábitat principal vai desde fins do século II d.C. á metade do V, o que implica que, tendo en conta que desde o 410 están os suevos en Galicia, pode haber unha relación entre as defensas castrexas tardías e a chegada dos “bárbaros”. Segundo Hidacio, os galaico-romanos refuxiáronse nos castros mellor defendidos (castella tutiora), pero hai que ter en conta que se trata dun cronista eclesiástico e vinculado ao que quedaba do Imperio Romano, temeroso das consecuencias políticas da invasión, polo perigo que supoñía para a Igrexa católica, xa relixión oficial desde fins do s. IV, así que as súas noticias cómpre non tomalas sempre ao pé da letra.

Neses 300 anos de ocupación en Viladonga obsérvase unha continuidade na cultura material, con varias reformas e unha mínima evolución. A cronoloxía tan tardía xerou dúbidas sobre a fiabilidade das primeiras escavacións pero hoxe tense comprobado ese hábitat castrexo de época galaico-romana tardía. Podemos falar dun só nivel ocupacional con varias capas nun período de máis de tres séculos.

 

Como podemos considerar Viladonga en relación ao seu tamaño, pequeno, medio, grande?

É un castro grande ou mediano tirando a grande. Sobre o tamaño dos castros ás veces hai un erro de percepción, pois depende de se temos en conta a croa ou coroa central ou ben todo o asentamento. Viladonga en conxunto son 4 Ha pero a croa só ten 1 Ha. Hoxe sábese que un castro non é só a croa xa que hai aterrazamentos, antecastros, zonas e camiños secundarios... Por exemplo, Elviña é moito máis extenso do que parecía cando se iniciaron as escavacións.

Que información temos sobre o ámbito económico-político-social do castro de Viladonga?

Image

Probablemente foi unha especie de cabeceira comarcal, pero habería que escavar ou facer unhas catas nos castros do arredor para ver se desapareceron cando comeza Viladonga. O certo é que tivo tamén relacións intensas con Lucus como amosan a cerámica, os vidros ou os adornos de bronce atopados. Lugo sería un lugar urbanizado, máis romanizado e rico, mentres Viladonga era unha especie de aldea moi grande e tamén romanizada, pero menos intensamente.

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer