Entrevista co arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero

PrinterSend to friendPDF version
Table of contents 
  1. Entrevista co arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero (galego)
    1. 1. Hai tres ideas sobre a fundación de Lugo: un castro, un lugar sagrado ou santuario e un campamento militar. Con cal se quedaría?
    2. 2. Lugo estaba inscrito segundo vostede nunha civitas chamada Copori. Cal era o territorio que abranguía? Cales son as bases ou fundamentos para afirmalo?
    3. 3. Vostede fixo algunha interpretación novidosa con respecto ás Guerras Cántabras como momento de incorporación da Gallaecia ao mundo romano. Como resumiría as súas achegas de xeito breve? Cales son as súas fontes?
    4. 4. Cal foi o rango de Lucus Augusti como cidade na xerarquía urbana do mundo romano? Pode ser considerada “capital de provincia” como afirmaron algúns arqueólogos nos últimos anos?
    5. 5. Cales serían as fases construtivas de Lucus Augusti no senso dunha diferenciación entre o Lugo altoimperial e baixoimperial? Cal pode ser a razón do desprazamento do espazo urbano cara ao oeste?
    6. 6. Cales puideron ser as motivacións que levaron á construción da muralla?
    7. 7. Como era Lucus Augusti? Cales eran os principais puntos de referencia da cidade?
    8. 8. Cales son os principais referentes arqueolóxicos de Lucus Augusti e cal é a súa importancia para o estudo do Noroeste hispano?
    9. 9. Cales poden ser as futuras liñas de investigación para o estudo do Lugo romano? Quedan aspectos importantes por descubrir?
    10. 10. Como resumiría e valoraría as dúas última décadas de traballo arqueolóxico en Lugo para o esclarecemento da realidade de Lucus Augusti? Pensa vostede que os lucenses son conscientes da riqueza patrimonial da cidade?
    11. 11. Hai algo que queira engadir?

Entrevista co arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero (galego)

Entrevista realizada por A. Bernárdez e María X. Rodríguez

Volver ao índice

Antonio Rodríguez Colmenero (Lucenza- Ourense-1936) é arqueólogo, escritor e profesor. Exerceu a docencia nas Universidades de Valladolid, Alacante, Oviedo, Deusto e Santiago de Compostela (nestas dúas últimas como catedrático). Autor de numerosos artigos e libros sobre temas da súa especialidade, realizou escavacións arqueolóxicas en Lugo (praza de San Domingos e Praza de Ferrol), Chaves, no campamento romano Aquis Querquernis e noutros xacementos. Responsable de numerosos proxectos de investigación, na actualidade é director do Grupo Arqueolóxico "Larouco" e da revista do mesmo nome, membro de varias asociacións como a Academia da Historia e a Academia Galega de Belas Artes e catedrático Ad Honorem da Universidade de Santiago.

Image

1. Hai tres ideas sobre a fundación de Lugo: un castro, un lugar sagrado ou santuario e un campamento militar. Con cal se quedaría?

Castro non, xa que non hai restos arqueolóxicos, polo cal queda desbotado. Lugar sagrado si, o que non exclúe o carácter campamental. Hai argumentos numismáticos para a tese do campamento (caetra) pero faltan probas arqueolóxicas concluíntes dun campamento para unha ou dúas lexións (foxos, por exemplo). Entre o 25 e o 15 AC estivo unha lexión completa polo menos (VI Victrix). Lugo foi campamento máis pequeno a partir do século I d. C. e dito campamento sería para un destacamento da lexión VI que estaría acantoado para dirixir as obras da cidade (levadas a cabo por enxeñeiros militares) na zona actual da Clínica dos Ollos Grandes. Apareceron dentro da cidade dúas lápidas coa lenda <<Legio VI>>. Retomando o de lugar sagrado, Lucus significaría <<claro no bosque>> e podería ser un santuario naturista dos indíxenas, logo asimilado por Augusto. Lucus Augusti sería unha réplica oficial do indíxena.

2. Lugo estaba inscrito segundo vostede nunha civitas chamada Copori. Cal era o territorio que abranguía? Cales son as bases ou fundamentos para afirmalo?

Os copori abranguerían unha franxa horizontal desde Meira ata Iria Flavia, bordeando polo norte coa Mariña, un territorio interior que chegaría preto do océano e cun porto fluvial en Iria. Ptolomeo no século II sinala como propios dos coporos dúas ciudades: Lucus Augusti e Iria Flavia.

3. Vostede fixo algunha interpretación novidosa con respecto ás Guerras Cántabras como momento de incorporación da Gallaecia ao mundo romano. Como resumiría as súas achegas de xeito breve? Cales son as súas fontes?

Basicamente a miña interpretación difire dos demais autores e de feito fóronme solicitadas reedicións da miña obra clásica (Augusto e Hispania. Conquista y organización del norte peninsular) baixo parámetros de hoxe. Segundo a miña tese, Cantabria sería toda a franxa norte desde Irún ata Fisterra, limitada no interior pola cordilleira cántabra. Os astures habitarían a zona de Astorga. A novidade radicaría por tanto na delimitación do espazo xeográfico, como amosan as probas das fontes clásicas. É máis, recentemente nunha escavación en Turquía apareceu unha referencia epigráfica aos pobos do Occidente sinalando soamente os galaicos e non cántabros, o que dá para pensar, xunto coa historia do Medulio, que o núcleo de resistencia foi galaico, aínda que cántabro daquela.

4. Cal foi o rango de Lucus Augusti como cidade na xerarquía urbana do mundo romano? Pode ser considerada “capital de provincia” como afirmaron algúns arqueólogos nos últimos anos?

Pode ser considerada a capital da provincia <<Hispania Superior Gallaecia>>, como apareceu nunha inscrición en Italia. Esta provincia duraría só uns vinte anos do século III, a pesar de que o seu rango foi case todo o tempo capital de convento xurídico.

5. Cales serían as fases construtivas de Lucus Augusti no senso dunha diferenciación entre o Lugo altoimperial e baixoimperial? Cal pode ser a razón do desprazamento do espazo urbano cara ao oeste?

A muralla determina as fases construtivas. O que ficou fóra foi destruído e o de dentro conservouse. A razón do desprazamento é defensiva. Recatelo, e sobre todo a zona a este barrio polo noroeste non era defendible porque implicaba unha muralla impoñente; e o Carmo, por exemplo, tampouco posibilitaba unha defensa doada. Construíron a muralla por onde lles era máis doada a defensa da urbe.

Image

6. Cales puideron ser as motivacións que levaron á construción da muralla?

Medo ás invasións, o que non significa que se produciran. Temor a invasións por mar, e que unha vez conquistada a costa se prolongasen cara ao interior. Pobos que chegaron ás costas a partir do século V serían os francos, os saxóns e os vándalos desde Cartago. Na Idade Media os normandos. Investigueino nun estudo sobre a vida marítima en relación coa Torre de Hércules da Coruña.

7. Como era Lucus Augusti? Cales eran os principais puntos de referencia da cidade?

Habería clases medias, pero era unha cidade fundamentalmente administrativa. Destacan os grandes edificios oficiais, co Foro (un dos máis grandes de Hispania), mansións, casas con termas, as termas do Miño, termas no interior (preto da catedral), santuarios… Habería núcleos urbanos importantes en Recatelo, no Decumanus (zona de Porta Miñá) e o <<cogollo>> no actual barrio catedralicio. Ben, en realidade o “cogollo” era o foro, entre as actuais rúas do Progreso e a Raíña.

8. Cales son os principais referentes arqueolóxicos de Lucus Augusti e cal é a súa importancia para o estudo do Noroeste hispano?

O Fito Fundacional, o Foro, o Mitreo e o Acróstico de Odoario. Lugo é referencial como capital do extremo Finisterre (Conventus Lucensis).

9. Cales poden ser as futuras liñas de investigación para o estudo do Lugo romano? Quedan aspectos importantes por descubrir?

Profundar na escavación dos solares, pero non avanzamos por problemas económicos. Quedan por descubrir templos, mansións, boa parte do foro...

10. Como resumiría e valoraría as dúas última décadas de traballo arqueolóxico en Lugo para o esclarecemento da realidade de Lucus Augusti? Pensa vostede que os lucenses son conscientes da riqueza patrimonial da cidade?

Son tres décadas e serviron para definir a cidade e agora ese coñecemento vaise completando. Dunha <<muralla sen cidade>> pasouse a unha <<cidade con muralla>>. Os lucenses van sendo conscientes desa riqueza, contrastando cos 80 en que non se estaba polo labor. Medrou o aprecio e o <<Arde Lucus>>, sendo popular e adulterado, é un expoñente.

11. Hai algo que queira engadir?

Lugo non é só a cidade, senón tamén a capital dun convento xurídico amplo. Cómpre ter en conta o contorno que abranguería ata o río Verdugo (Pontevedra), río que marca precisamente o límite deste convento.

Volver ao índice

 

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer