A cultura vitivinícola en Lugo e Ourense

PrinterSend to friendPDF version

Ana Anllo Carreira

Image

Datos do mapa © dos colaboradores do OpenStreetMap, CC BY-SA

A  Ribeira Sacra, bisbarra que abrangue as ribeiras do río Sil e do río Miño, está situada na zona sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense. A capital é a cidade de Monforte de Lemos (Lugo). Trátase da zona vitivinícola galega por excelencia, tanto pola súa extensión, como pola produción de uva. O cultivo deste froito actuou como motor económico e produtivo da zona e engrandeceu a súa economía, tanto directa coma indirectamente, dende os tempos da antiga Roma ata a actualidade.

A denominación de orixe Ribeira Sacra , establecida en 1997, comprende a zona xeográfica marcada no mapa da dereita.

Esta denominación de orixe está dividida en cinco subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. O Consello Regulador da Ribeira Sacra ten tres cometidos esenciais: garantir a orixe do produto, asegurar a calidade do mesmo e promocionar os viños producidos.

O amparo dos ríos proporciona un microclima á zona que, coa orientación sur das pronunciadas ladeiras, favorece a correcta maduración que as uvas necesitan para a elaboración duns caldos que xa na época dos romanos eran descritos como o ouro líquido do Sil.

Image

Os aromáticos viños da Ribeira Sacra son o resultado da súa situación nas escarpadas e soleadas ribeiras dos ríos Miño, Sil e os seus afluentes o Cabe, Lor e outros, xunto cunha minuciosa selección das mellores variedades de uvas. Pódense contabilizar arredor de noventa e nove bodegas cun total de 1.242 hectáreas de viñedos, cunha produción total de 4.698.000 Kg. de uvas, dos que 4.461.532 son da variedade de uva mencía, e o resto encóntranse repartidos entre as variedades tintas, erenzao, brancellao, mouretón e garnacha e as brancas palomino, godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño e torrentés. O tratamento realízano persoas expertas, capaces de extraer dunhas cepas perfectamente adaptadas ás esixencias dun terreo abrupto uns viños excelentes e de grande personalidade . A variedade de uva predominante na Ribeira Sacra, como vimos, é a variedade Mencía, uva que se cultiva dende a época da antiga Roma, cunha tradición de mais de 2000 anos, que se emprega para a elaboración de viños aromáticos e afroitados, de intensa cor e con posibilidades de crianza.

Image

O topónimo "Ribeira Sacra" podería proceder da Idade Media e, nun principio, pensouse que a orixe da súa denominación estaba no latín "Rivoyra Sacrata" e que respondería á gran cantidade de mosteiros e templos situados nos monumentais canóns e escarpadas ladeiras que balizan a zona. Esta orografía atraeu as comunidades monásticas dende o comezo do cristianismo porque estes grupos humanos buscaban un asentamento que favorecese a vida ascética e eremítica. Iniciouse así un importante trazado de civilización monástica ao longo das beiras do Sil e do Miño, cuxas pegadas patrimoniais chegaron ata os nosos días; de feito, actualmente pódense visitar dezaoito mosteiros. Así e todo, dolmens e medorras prehistóricos evidencian un poboamento temperán, continuando con importantes pegadas da presenza romana.

A primeira mención destas terras como Rivoyra Sacrata remóntase ao ano 1124; nun documento asinado en Allariz en agosto dese ano, a raíña Tareixa de Portugal, filla de Alfonso VI, doa ao monxe Arnaldo e os seus compañeiros os terreos para levantar un novo mosteiro dentro da denominada Rivoyra Sacrata; este cenobio é a orixe do actual mosteiro de Sta. María de Montederramo, un dos máis importantes de Galicia.

O historiador Manuel Vidán Torreira puxo en dúbida esta orixe do topónimo no ano 1987, coa publicación dunha serie de artigos no xornal La Voz de Galicia e un traballo titulado El roble sagrado de la Rivoira Sacrata. Vidán deriva "riboira/reboira/reboiro", e conclúe que Rivoira respondería antes a "Roble" que a "Ribera". Esta tese adquiriría máis relevancia grazas a outro historiador, Torquato de Souza Soares, quen, sometendo a estudo crítico o documento fundacional e publicándoo en facsímile, atopa un erro na transcrición do frade Frai Antonio de Yepes, e sinala que no documento se pode ler con claridade "Rovoyra" e non "Rivoira"; o cal o aparta de "Ribera" e podería ter o significado de "Robledal", do latín "Rubus". Vidán sintoniza no seu traballo coa obra de James Frazer La rama dorada, onde se recollen as tradicións celtas en torno ao carballo (roble), árbore que tiñan por sagrada e gardiá do espírito da tribo; de feito, os bosques de carballos ( as carballeiras ) eran lugares obxecto de veneración. Vidán refírese tamén ao propio topónimo de Montederramo como unha probable alusión ao visgo (muérdago) recollido polos Druídas, para reforzar a visión da orixe deste topónimo antes como "Robledal Sagrado" que como o xa establecido popular e turisticamente de "Ribera Sagrada" (Ribeira Sacra).

Image

Por suposto, en canto á economía da zona, non todo estaba relacionado co viño, senón que podemos atopar economías derivadas doutros produtos como o aceite, castañas, mel e outros cultivos agrícolas, así como da gandería local. En canto aos oficios tradicionais da zona, temos a cerámica, por un lado a famosa olería de Niñodaguia, de pezas ocres, que empregan o torno rápido de dúas pezas e un innovador proceso de vidrado da súa cerámica. Estas pezas abranguen dende figuras decorativas, ata obxectos de uso doméstico como cuncas, xarras, olas, chocolateiras ou “ataños”, recipientes para a elaboración da famosa queimada. Esta cerámica prodúcese principalmente nos concellos de Xunqueira de Espadanedo e Esgos. Digna de mención é tamén a olería de Gundivós, única de cor negra e que se realiza nun torno manual baixo. O barro, recollido na mesma zona, trabállase a man no torno mediante a superposición de churros ou tiras. Elabóranse pezas tradicionais usadas en cociñas, na matanza e bodegas (para a conservación do viño). Estas recubríanse con resina de piñeiro (pez) para impermeabilizalas, o que outorgaba ao viño un sabor particular.

Amais da cerámica, o patrimonio artesanal da Ribeira Sacra nútrese doutras manifestacións vinculadas ao modo de vida tradicional. Así podemos encontrar oficios como os zoqueiros, cesteiros, teceláns e afiadores (que conservan o “barallete”, xerga propia deste gremio, en Esgos). Con respecto a estes últimos, cómpre mencionar que en Luintra e Vilouriz hai dúas exposicións, únicas no seu xénero, de rodas de afiar e diferentes ferramentas e aparellos do oficio.

Image

Outras actividades económicas da zona son as derivadas da extracción do ouro, en especial na localidade de Montefurado, no municipio de Quiroga, que é coñecida sobre todo, polo espectacular túnel escavado polos romanos en Pena do Curvo para explotar o ouro do Sil. Porén, desde o punto de vista histórico, non son menos importantes as pequenas médulas e a rede de galerías que deixaron na zona as actividades mineiras realizadas na antigüidade.

En Montefurado foi preciso desviar o leito do río Sil nun tramo de tres quilómetros para atacar os grandes aluvións auríferos da zona . Estes depósitos foron estriados e lavados completamente mediante un complexo sistema de canais e galerías subterráneas nas que se introducían grandes cantidades de auga para erosionar e derruír os aluvións que gardaban o ouro. Aínda hoxe se poden ver algunhas destas galerías en determinadas zonas de explotación, ou incluso no interior dalgunha vivenda que hoxe as utiliza como bodega para gardar o viño.

O elemento máis impresionante do antigo conxunto mineiro de Montefurado é, sen dúbida, o famoso túnel perforado na rocha para desviar o curso do Sil e beneficiarse dos aluvións. Mide 75 metros de lonxitude, 19 de longo e 17 de alto. A obra dise que foi realizada no século II nos tempos do emperador Traxano. Estes romanos estaban acampados nunha aldea denominada Sesmil, cuxo nome procede da lexión romana, dado que “Seismil” era unha agrupación de guerreiros.

Seguindo as augas do río Sil, atopamos a localidade de Quiroga, onde as peculiaridades bioclimáticas da zona permiten o cultivo da oliveira, cultivo este que, practicamente desaparecido nas últimas décadas, se está tratando de recuperar poñendo a producir os vellos oliveirais e creando novas plantacións nas localidades de Montefurado, Bendollo e Bendilló. A elaboración de aceite séguese facendo ao estilo tradicional.

En canto ás súas raíces históricas, Quiroga está marcada por dous elementos salientables: a estancia dos romanos dende finais del século II d. C. ata os primeiros do século V e, en especial, a dos Cabaleiros da Orde de Xoán de Malta, dominadores espirituais e temporais desta comarca dende finais do século XIII ata ben entrado o XIX.

Image

Dende tempos prehistóricos atopamos neste concello a presenza do home; desta maneira cabe sinalar os habitantes troglodíticos descubertos hai anos na parroquia de Pacios da Serra, no coñecido val da “Cova do Oso”. Moito máis numerosa e frecuente é a existencia de asentamentos de tipoloxía castrexa. Aínda que non é doado afirmar a presenza do pobo celta neles, a súa posterior romanización tampouco semella forte dado que a grande maioría se poden vincular á defensa das rutas polas que transportaban ouro e outro tipo de minerais procedentes das concas dos ríos Sil, Lor, Soldón, Selmo e o mesmo Quiroga.

Seguindo o couce do río Sil, atopamos numerosos mosteiros que forman un referente do románico galego, destacando os mosteiros bieitos de Santa Cristina de Ribas de Sil, Santa María de Montederramo, San Pedro de Rocas en Esgos, Xunqueira de Espadanedo e, como non, Santo Estevo de Ribas de Sil, un gran mosteiro situado onde conflúen os ríos Miño y Sil, que ten a súa orixe nos séculos VI e VII, onde se alternan estilos desde o románico ao barroco. Cómpre destacar os tres claustros (románico, gótico e renacentista) do edificio declarado Monumento Histórico Artístico que hoxe forma parte da rede de paradores nacionais.

No centro da Ribeira Sacra, e ás beiras do río Cabe, temos a cidade de Monforte, ligada ao pobo celta dos Lemavos, palabra da que deriva o actual nome de Lemos, que tiña a súa capital no chamado castro Dactonium, onde atopamos hoxe a torre do castelo de Lemos, que resultou destruído nunha incursión árabe xunto cos mosteiros de Atán e Sta. María de Amandi. No século XII, o conde de Galicia, García de Borgoña e a Raíña dona Urraca, conceden a Froila Díaz, da Casa dos Lemos, a refundación da cidade, aos pés do Dactonio e apróbase a carta da pobra para que a vila prosperase e fose centro dun gran mercado agrícola e gandeiro. Arredor de San Vicente medra unha esplendorosa cidade medieval que recibirá os privilexios de varios reis galegos como Fernando II. Sufrirá episodios convulsos como os das guerras Irmandiñas, acollerá unha importante colonia xudía e será o berce dunha das máis poderosas familias nobres de Galicia.

No curso alto do río Miño, pertencente á Ribeira Sacra destacan as localidades de Paradela e Portomarín, que forman parte do camiño Francés a Santiago de Compostela, así como Taboada e Chantada, onde a industria do viño forma parte activa das economías da zona, tanto na elaboración dos seus viños como aguardentes, o que se demostra nas súas múltiples feiras e festas que xiran arredor da cultura vitivinícola.

Bibliografía web:

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer