Courel

PrinterSend to friendPDF version

Courel

Neftalí Platas García ( Fotos: José A. Armesto)

Image

Datos do mapa © dos colaboradores do OpenStreetMap, CC BY-SA

Esta comarca, que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro e Quiroga, ocupa arredor de 25000 hectáreas nunha área limitada ao norte polo Camiño de Santiago, ao leste polas cabeceiras dos ríos Selmo e Soldón, ao sur polo porto d’ O Boi e ao oeste polo val do río Lóuzara.

En conxunto é unha zona montañosa que constitúe o extremo occidental da Cordilleira Cantábrica. O macizo do Courel presenta tres picos fundamentais: Formigueiros (1639m), Pía Páxaro (1616m) e Alto do Faro (1615m).

As características fundamentais da zona son as diferenzas altitudinais (desde os 400 m ata os 1639 m) con pendentes moi fortes e cun relevo excepcionalmente abrupto e complexo resultado dun complicado proceso de pregamentos, fracturas e erosións que actuaron sobre materiais de orixe moi diversa.

Image

Image
 

Image

 

Image

 
Image
 
Image
 
Image
 

Image

 
Image
 
Image
 

Image

 

Image

O clima é oceánico de montaña, con precipitacións en torno aos 1500 mm e unha temperatura media anual entre 8º e 10ºC. Porén, existen importantes diferenzas entre a conca alta do río Lor, moito máis chuviosa e fría, e as terras medias e baixas, cun clima máis benigno.

A paisaxe,o medio humano e a actividade agrícola-gandeira

A paisaxe do Courel encóntrase fortemente alterada como consecuencia da actividade humana. Os terreos nos que a pendente o permite foron tradicionalmente utilizados para o cultivo da horta e rotacións baseadas no centeo, os bosques foron secularmente explotados como combustible e o fogo e o pastoreo actuaron sobre grandes extensións de mato. Só nos vales escarpados, con fortes pendentes e díficil acceso, permanecen os bosques xenuínos das montañas galegas.

O Courel perdeu habitantes de forma continua dende mediados do século XIX e de maneira substancial dende a década dos corenta, na que se estima que a poboación da Serra se reduciu en torno ás 3/5 partes. Varios dos corenta e dous núcleos de poboación non teñen xa ningún neno entre os seus habitantes. Este proceso aparece moi ben reflectido na súa actividade agrícola: entre 1962 e 1985 o número de explotacións no termo municipal de Folgoso reduciuse un 60%.

O patrimonio histórico e cultural

O Courel conserva importantes valores da arquitectura tradicional da montaña galega. Entre as aldeas máis fermosas están as de Seceda, Céramo e Visuña, que son un magnífico exemplo de integración no medio. Por toda a serra aparecen casas antigas, vellos muíños, fontes, sequeiros (para secar as castañas) e cabanas que constitúen un valioso patrimonio. Tamén atopamos máis de 20 castros, prerromanos e romanizados, entre os que cabe destacar os de Vilar, A Torre, Brío, Megoxe e Monte Cido. En canto a restos da cultura romana poden destacarse explotacións de ouro como as da Mina de Toca, nas proximidades de Seoane, e de Torubio e dúas táboas de hospitalidade de bronce entre os romanos e as tribos indíxenas. De época medieval podemos destacar as ruínas do castelo de Carbedo.

Outro dos aspectos máis destacables do patrimonio cultural e industrial courelao son as ferrerías, instalacións dedicadas á elaboración do ferro forxado que, con posteridade, era transformado en apeiros de labranza, armas, etc. A súa tecnoloxía iníciase en torno ao século XI e con poucas modificacións alcanza ata o XIX. A partir da Idade Media, no Courel e o occidente do Bierzo desenvólvese unha auténtica rede industrial constituída por máis dunha treintena de ferrerías.

O patrimonio biolóxico: a flora e a fauna

O Courel é un territorio ben coñecido dende o punto de vista florístico. Na actualidade a flora do Courel estímase en torno ás 800 especies de plantas vasculares, pertencentes a 82 familias e máis de 400 xéneros. Esta cifra supón un 40% da flora galega nun territorio non maior do 6% da superficie. A gran variación altitudinal, xunto coa influencia climática mediterránea a través dos vales dos ríos e os estratos de rocha calcaria, raros en Galicia, son os motivos que explican esta gran biodiversidade da serra.

A fauna de invertebrados do Courel é pouco coñecida aínda que existen unha serie de grupos relativamente ben estudados polas investigacións levadas a cabo nos últimos anos que revelaron novas especies para a ciencia. Destacan as lemas, os tisanópteros, os coleópteros, as formigas e as bolboretas.

Respecto aos vertebrados, O Courel é unha das zonas de maior interese faunístico de Galicia, xa que reúne en torno a 160 especies. A comunidade de peixes está formada por varias especies entre as que destacan a troita e a anguía. O catálogo de anfibios consta de 7 especies e o de réptiles de 15, entre as que cabe destacar a presenza de especies de montaña, como a víbora de Seoane, ou mediterráneas, como a serpe bastarda.

A avifauna inclúe a máis de 90 especies entre as que destacan a aguia real, o moucho real,o acentor alpino e o roqueiro solitario. Finalmente, o listado de mamíferos consta de 48 especies entre as que destacan o grupo de quirópteros (morcegos) e o de carnívoros. O oso e pita do monte -antes presentes- desapareceron, limitándose no primeiro caso a aparicións esporádicas.

Etnografía

O Entroido

Como noutros lugares, o entroido no Courel eran días de festa e nos que se podían realizar actividades impensables noutras épocas do ano. Había numerosas diferenzas dunhas vilas a outras, pero en case todos atopamos aspectos comúns: o domingo era o día da auga, o luns da tinguidura e o martes do lume. Tamén era costume facer dous bonecos, o entroido e a entroida, e logo queimalos o martes pola noite.

Protección dos tronos

As treboadas do verán sempre foron moi temidas polos veciños do Courel, dado que a cotío facían dano nos cultivos, nos camiños, nas árbores ou nas casas. Para protexerse dos tronos adoitaban invocar a protección da Santa Bárbara e sacar as imaxes das capelas para fóra.

A Viceira

Dado que en todas as vilas había moita “cría” (conxunto de cabras e ovellas) un veciño ocupábase de gardar as da aldea entre o mes de maio e o inverno. Para distinguir os animais de cada propietario, facíanlles unha marca, cortándolles un ou varios anacos nas orellas. A viceira saía cara ao monte á mañá anunciándose co son dunha grande caracola mariña e voltaba á noite.

O Responso

Este termo engloba un conxunto de oracións que dende tempo inmemorial a xente do Courel empregou como fórmula protectora fronte aos inimigos. O responso protexía o gando do lobo e das enfermidades e tamén ás persoas. Chegou a empregarse para recuperar obxectos perdidos.

Crenzas

Hai moitas crenzas no Courel entre as que podemos destacar as seguintes:

  • Se hai moitos avespeiros no verán, no inverno teremos moita neve.
  • Os corvos son paxaros de mal agoiro.
  • Ter unha cabeza de víbora na casa, gardada nunha caixa de mistos, daba sorte.
  • As píntegas foron temidas ademais de polo seu aspecto desagradable, polo veleno que consideraban moi potente.
  • A donicela foi moi temida pois aseguraban que a súa mordida era letal.

Image

Image

Image

Bibliografía:

  • Parada Jato, J. A. Usos,costumes, e cousas do Courel. Edición ToxoSoutos.
  • Guitián, J. Guitián Rivera,L. Martínez Villar, J. L. Guía do Courel. Edicións Xerais.

 

 

 

 

 

 

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer