A costa: A Mariña

PrinterSend to friendPDF version

A costa: A Mariña

Vanesa de la Fuente Vázquez   |   Leticia Mouriz Pérez (Fotos: José A. Armesto)

 
Image

  Datos do mapa © dos colaboradores do OpenStreetMap, CC BY-SA  
  http://www.openstreetmap.org/ 

  http://creativecommons.org/licenses/by-sa/2.0/

Image
 

Comarca natural máis setentrional de Galicia, ocupa o norte da provincia de Lugo e limita ao norte co Mar Cantábrico; ao sur, coas comarcas da Terra Chá, Meira e Fonsagrada; ao oeste coa provincia da Coruña (o límite é o río Sor) e ao leste coa veciña comunidade de Asturias (no río Eo). A súa superficie son 1.413,52 quilómetros cadrados distribuídos entre as subcomarcas de Mariña Occidental (con cabeceira en Viveiro), Mariña Central (con tres lugares que se disputan a primacía comarcal: Burela, Foz e Mondoñedo) e Mariña Oriental (con cabeceira en Ribadeo). Funciona como fachada marítima dunha provincia que no resto do seu territorio é completamente interior.

Abrangue, pois, unha franxa costeira desde a Ría de Ribadeo ata o estuario de Bares-O Barqueiro e unha interior ata a cidade de Mondoñedo, capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia.

A riqueza medioambiental da zona é importante: practicamente toda ela é Zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) e alberga dous Monumentos Naturais (Praia das Catedrais e Eucaliptal Souto da Retorta) e unha Zona ZEPA e RAMSAR pola súa relevancia en fauna e flora (Estuario do Eo).

Na Mariña localízase tamén un dos espazos naturais máis espectaculares de Galicia, as Covas do Rei Cintolo (Mondoñedo), con máis de sete quilómetros e varias galerías.

Image

O relevo

Image
 

Image

 
Image

O relevo ordénase en tres unidades morfolóxicas: a franxa costeira, a Rasa Cantábrica e os vales e as serras marxinais:

A) A franxa costeira

Bañada polo mar Cantábrico, esténdese desde Estaca de Bares ata a desembocadura do Eo. Aparecen nela numerosos accidentes de interese como praias, cabos, promontorios, illas e cantís. A costa de Lugo caracterízase en xeral polo seu carácter rectilíneo e o dominio dunha ampla chaira litoral, sobre todo na parte oriental, onde escasean os abrigos naturais; pola contra, no sector máis occidental, a montaña achégase moito ao mar, o que dá lugar a fortes desniveis. Por outra banda, aparecen grandes entrantes como os que conforman as rías de Viveiro e O Barqueiro. Ao longo do trazado costeiro atopamos un conxunto de case oitenta praias, cunha extensión aproximada de vinte quilómetros, entre as que destaca a Praia das Catedrais.

B) A Rasa Cantábrica

Plataforma litoral que vai desde o Cabo de Peñas en Asturias ata Burela (Lugo), paralelamente aos relevos próximos á costa, cunha anchura que oscila entre os cinco quilómetros e un centenar de metros. Os seus trazos máis característicos veñen determinados pola perfección do arrasamento, a súa continuidade e regularidade e o seu perfil marcadamente inclinado desde o pé das montañas ata o bordo dos cantís ou frontes de praia.

Image

C) Os vales e as serras marxinais

Image

 
Image
 
Image
 

Image

 

Os montes graníticos que rodean a ría do Landro (Viveiro) son case todos eles de tipo penedo e neles destaca o Penedo Gordo. A topografía aparece profundamente fendida pola rede fluvial que atravesa os afloramentos de sur a norte. As serras setentrionais, nas que destaca o macizo do Xistral, deslízanse cara ao mar e alimentan numerosos cursos de auga de escaso percorrido, como o Masma. No sector central atopamos amplos vales fluviais menos encaixados que no sector occidental, como os do Masma e Ouro.

O clima

A situación da comarca na zona temperada do Hemisferio Norte e a súa localización nunha fachada marítima occidental condicionan os seus caracteres climáticos. O clima caracterízase pola moderación térmica, con invernos curtos e pouco rigorosos, e veráns temperados con temperaturas medias que oscilan entre os 17 e 19 graos. Polo que se refire ás precipitacións, estas están presentes durante todo o ano cun máximo no inverno e unha diminución na época estival. Os días anubrados son abundantes e na Rasa Costeira é frecuente a presenza de néboas persistentes. As xeadas son escasas e as precipitacións nivosas moi esporádicas.

Os ríos

Na comarca existen numerosos ríos, en xeral curtos. Nacen nos relevos residuais cercanos á costa e diríxense de sur a norte cara ao Cantábrico. Isto provoca que teñan unha gran capacidade erosiva porque deben salvar fortes desniveis en poucos quilómetros de percorrido. De caudal abundante, o seu réxime é regular e pluvial cun máximo invernal e un mínimo estival simples e pouco marcados. Destacan o Sor, Landro, Masma e Eo (o de maior lonxitude).

Vexetación

No que se refire á vexetación, a paisaxe vexetal primaria, o clímax arbóreo, sufriu unha intensa degradación, debido tanto á intensa e prolongada deforestación como á intensa repoboación a base de piñeiros e eucaliptos. Aínda sendo certo o predominio do eucalipto, consérvanse importantes masas de especies autóctonas, como por exemplo a Fraga das Furnas (O Valadouro), rica en acivros.

Porén, a paisaxe vexetal por antonomasia non ten carácter arbóreo, senón arbustivo; tratase da landa oceánica, sobre solos orixinalmente pobres e empobrecidos posteriormente, constituída por breixos e queirogais, que aparecen intercalados con áreas de cultivos e bosques caducifolios.

Poboación

Os censos oficiais revelan que a poboación dos quince concellos da Mariña lucense é de 75.000 habitantes, o que supón aproximadamente o 18,44% do total provincial. A densidade de poboación é duns 58,58 habitantes por quilómetro cadrado, superior pois á poboación relativa provincial. Se temos en conta que en 1920 a zona tiña 76.577 habitantes, observamos que desde esa data produciuse unha perda demográfica do 3,83%.

Durante o ano 2011 só Burela e Ribadeo aumentaron poboación. Os inmigrantes compensan a caída da natalidade e o envellecemento. Ao igual que sucede no resto de Galicia, os núcleos rurais tenden a deshabitarse, mentras os máis urbanos captan poboación. Viveiro segue a ser o concello máis poboado con 16.107 habitantes e no outro extremo sitúase Ourol, onde oficialmente viven 1.152 personas. Amais do crecemento natural, cómpre indicar a importancia da inmigración na bisbarra; neste punto destaca a gran colonia caboverdiana, que se concentra sobre todo en Burela, relacionada coa pesca.

Economía

A superficie agraria representa máis do 70% da superficie xeográfica, pero só están labradas arredor do 13% das terras. A unidade produtiva preponderante é a empresa familiar. Os cultivos maioritarios son os cereais, trigo e, en menor medida, o centeo. Existen plantacións regulares de frutais, aínda que a súa rendibilidade sexa escasa. Aparecen por outra banda cultivos máis específicos e de valor engadido como as fabas. Quizais o aproveitamento máis rendible sexa o pratense, especialmente na rasa, posto que, a causa da abundante pluviosidade, a herba medra espontaneamente en calquera lugar sen necesidade de rego. Os prados naturais localízanse nas ladeiras dos vales e na rasa costeira. Un dos problemas da agricultura da zona é o marcado carácter minifundista.

Image

 

Image

En canto á gandería (maioritariamente de gando vacún) esta zona alberga aproximadamente o 18% do total de explotacións provinciais, destacando o peso da orientación láctea e dando lugar a iniciativas como medianas explotacións de vacún e cooperativas lácteas, en especial no sector oriental.

Importante é tamén a industria de construción e reparación naval, a de conservación de produtos pesqueiros, a de madeira e a de fabricación de produtos cerámicos (Sargadelos, Burela e Fazouro). Abundantes ingresos proporciona tamén á zona o turismo, xa que as praias que se alinean ao longo do litoral atraen moitas persoas durante os meses de verán.

No ámbito industrial destaca Alúmina-Aluminio (inaugurada en 1980), emprazada en San Cibrao, cun complexo que ocupa cinco quilómetros cadrados.

A pesca conta con importantes infraestruturas: portos como os de Burela ou Celeiro son base dunha flota que faena en augas internacionais e que se especializou na captura do bonito ou a pescada procedente dos bancos do Gran Sol. Outros dous portos con importante produción pesqueira son Foz e Rinlo. A pesca ocupa un bo número de traballadores, pero a súa participación na renda económica da comarca é pequena.

Image

Na zona existen numerosas canteiras. Son especialmente importantes as explotacións de caolín dispersas por toda a comarca e que proporcionan a materia prima para a fabricación de cerámica e materiais de construción.

 Esta comarca foi pioneira na industrialización española. Entre as pegadas deste pasado recente talvez sexa o elemento máis significativo o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. Antonio Raimundo Ibáñez proxectou primeiro unha siderurxia integral en 1791 e posteriormente (en 1804) unha fábrica de louza de estilo inglés. A pesar dos preitos cos veciños, a destrución das instalacións tras un motín en 1798 e os impagos e endebedamentos, as Reais Fábricas de Sargadelos perduran ata 1875. A restauración de Sargadelos nace dun proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia, baixo a responsabilidade de Díaz Pardo e Luís Seoane. En 1970 inaugurouse o novo Sargadelos e comezaron a saír as primeiras pezas cerámicas deseñadas por estes dous artistas. Este grupo tivo desde a súa fundación importantes actuacións no campo da cultura de Galicia. As obras de Sargadelos, en porcelana, teñen un proceso de fabricación orixinal, baseado en conceptos culturais, e cuns sistemas de produción que son, en gran medida, artesanais. Unha parte da produción son deseños relativos á cultura galega, como figuras de personaxes históricos de Galicia, ou figuras simbólicas de diverso tipo; outra parte son servizos de mesa (vaixelas, xogos de café...). As producións de Sargadelos son consideradas obras de arte e parte da cultura de Galicia en tanto en canto procuran a recuperación da nosa memoria histórica.

 O traballo e o comercio do ferro deixou outras pezas de valor coma as minas da Silvarosa (Viveiro), ferrerías como a de Bravos (Ourol) e Bogo (A Pontenova); os cargadoiros de mineral de ferro de Ribadeo, a onde chegaba o tren desde Vilaoudriz co material para ser exportado a Europa e tamén o cargadoiro de A Insua en Viveiro; precisamente en Vilaoudriz (A Pontenova) é onde se atopan os impoñentes fornos de limonita.

 Na Mariña Central, aínda que os tres sectores produtivos están ben representados, é o sector terciario o de maior peso na estrutura económica. A agricultura foi vítima da restruturación sectorial desencadeada trala posta en marcha en 1975 das plantas de Alcoa, industria que acelerou o éxodo rural e desprazou a dedicación agrogandeira a un segundo plano. Así e todo, o sector agropecuario está ben representado no interior da comarca. Por outra banda, a explotación de especies como o piñeiro e o eucalipto favoreceu o desenvolvemento da industria madeireira. A pesca ocupa o 9% da poboación activa, especialmente en Burela (un dos maiores portos de Galicia, especializado na captura do bonito) e Foz (especializada na pesca de sardiña). As actividades industriais adquiren importancia nos concellos costeiros (Foz e Burela) e existe un continxente importante de poboación empregado en Alúmina-Aluminio. Destaca tamén nestes dous concellos a industria cerámica, metalúrxica e de transformación da madeira. Muebles Hermida (en Lourenzá) era a primeira empresa de fabricación de moble de Galicia en volume de negocio, pero neste momento está inmerso nun Expediente de Regulación de Emprego. Tamén teñen importancia os estaleiros en Burela e Foz e a minería nestes dous concellos e mais en Lourenzá. A produción de enerxía eléctrica adquire certa relevancia coa instalación no Valadouro do parque eólico do Xistral. A construción presentou un gran dinamismo nestes pasados anos, pero na zona, coma no resto de Galicia, está a vivir unha profunda crise. O sector terciario, como xa indicamos, é o máis dinámico, especialmente nos concellos costeiros e cabeceiras urbanas onde destacan as actividades comerciais e os servizos públicos. O turismo da época estival é especialmente relevante en Foz.

Na Mariña Occidental a estrutura económica está dominada polo sector servizos e a industria. O sector primario ten un certo peso nos concellos máis rurais (Ourol e O Vicedo) e tamén cómpre comentar o peso da pesca en Celeiro, primeiro porto en facturación da provincia especializado en pescada e bonito. A industria ten a súa máxima representación na planta de Alúmina Aluminio; outros sectores industriais de importancia son a cerámica (Sargadelos), a industria madeireira, metalúrxica e as vinculadas á pesca, como estaleiros e conserveiras. O sector terciario está claramente representado en Viveiro e San Cibrao. Na primeira destas vilas, un importante centro financeiro da zona e unha área turística relevante, ten gran importancia asemade o comercio tradicional.

Na Mariña oriental as actividades agrarias aínda teñen un peso importante na economía, malia a perderen activos a favor dos sectores secundario e terciario. Supoñen un terzo do emprego e concéntranse especialmente na gandería vacúa. Isto provoca a existencia de grandes pradarías o cal condiciona a evolución das paisaxes da comarca. A pesca tivo moita maior importancia no pasado ca no presente, aínda que o porto de Rinlo segue conservando certo dinamismo. Consecuencia do peso da gandería na zona, a industria orientouse cara á produción de pensos e fertilizantes. Tamén ten un importante peso a industria madeireira e metalúrxica (especialmente na Pontenova). No sector terciario destaca a vila de Ribadeo, que concentra os servizos administrativos, comerciais e de ocio de toda a comarca. En Ribadeo e Barreiros o turismo está ben representado.

Historia e patrimonio

A Mariña Central

Image
 
Image
 
Image
 
Image

O seu devir parte da Prehistoria, tal como constatan os vestixios arqueolóxicos megalíticos e castrexos descubertos por toda a superficie comarcal, por exemplo, as arracadas e o torques dos Castros (Burela) e o castro de Fazouro (Foz). Así mesmo, testemúñase a existencia de poboamentos da idade antiga, en especial na vila de Foz, onde o porto facilitou o contacto con navegantes fenicios, tartesos e doutros pobos do noroeste, como os ártabros, antes da romanización. O paso dos romanos queda manifesto no achado de bronces de Marco Aurelio e Adriano e mais nas calzadas de Mondoñedo, na explotación aurífera do sur e sudoeste da ría do Masma ou na abundancia de escouras das inmediacións de Marzán, indicadoras das antigas fundicións de ferro. A Mariña Central cobra unha maior significación para a historia de Galicia a comezos da Idade Media, coa fundación da diocese de Mondoñedo e a súa designación como provincia do Reino de Galicia.

Patrimonio artístico

Un dos edificios máis relevantes é a catedral de Mondoñedo, monumento nacional desde 1902. Comezada no século XIII con base nos canons románicos de planta basilical de tres naves, experimentou reformas no XVI co deambulatorio gótico, e no XVIII, coa remodelación da fachada e a construción das torres barrocas.

A igrexa parroquial de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, considerada a catedral en pé máis antiga de España, empezou a edificarse no século X presumiblemente sobre un templo do VI, pero a actual data de finais do XI e principios do XII.

Outro edificio destacado é o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, catalogado como monumento histórico-artístico en 1974. Foi fundado en 969 e reconstruído nos séculos XVII e XVIII en estilo barroco. A súa fachada é obra de Fernando de Casas, mestre do Obradoiro.

A Mariña Occidental

Megalíticos, castrexos e romanos constan como poboadores primixenios. Ptolomeo, nas súas taboas, localiza aquí o antigo asentamento castrexo de Fabria Lambris. O desenvolvemento da comarca asóciase ao nacemento e a conformación da vila histórica de Viveiro, nas idades media e moderna, e á prosperidade de Cervo, na contemporánea.

A fundación da vila viverense data dos séculos XII-XIII. Baixo a protección da súa muralla, custeada grazas á concesión dos beneficios do comercio do sal por parte do monarca, empezou unha forte actividade portuaria (que acadaría o seu auxe coa exportación de viño aos portos bretóns e de madeira a Sevilla e a Lisboa) e mercantil (con profusión de gremios: mercadores, zapateiros, ferreiros, etc.). Na vila, que gozou de bonanza económica e dunha organización social firme) convivían as comunidades relixiosas medicantes franciscanas e dominicanas coa nobreza local. A última pegada da súa influencia vencéllase ao comercio dos lenzos, fundamentalmente de liño, e ao rexurdir paralelo dunha importante burguesía.

Coa entrada do século XIX cobra protagonismo a vila de Cervo, cuxa existencia tamén se documenta cara ao século XII, pero a súa historia remite fundamentalmente a Antonio Raimundo Ibáñez, o promotor da Real Fábrica de Fundición de Sargadelos.

Patrimonio Artístico

As manifestacións máis antigas datan da prehistoria, sendo o castrexo un período fecundo, como exemplifican os restos dos castros da Coroa en Viveiro. A vila viveirense concentra a maioría do patrimonio e nela destaca a porta de Carlos V ou Castelo da Ponte, a entrada principal da muralla, así como a praza Maior e o convento de San Francisco.

Destaca tamén na zona o conxunto histórico artístico de Sargadelos situado en Cervo, que inclúe as antigas fábricas de fundición e de louza e maila planta actual.

No eido cultural sobresaen o Museo Carlos Maside, o Museo Histórico de Sargadelos e o Museo Provincial do Mar, o único deste xénero existente en Lugo.

A Mariña Oriental

Estas terras foron poboadas desde antigo segundo evidencias os restos arqueolóxicos. Están testemuñadas tanto a presenza castrexa coma a romana. A comarca foi colonizada polas ordes monásticas, especialmente o Císter, que fundou numerosos mosteiros.

O porto de Ribadeo adquiriu gran relevancia dado que funcionaba como porta do Reino de Galicia para o comercio con América e Europa do Norte no século XVIII. Tamén afectou profundamente á comarca a fundación da Real Fábrica de Sargadelos na mesma centuria. O século seguinte, a explotación dos xacementos de limonita na Pontenova por unha sociedade vasca incidiu no desenvolvemento comarcal e levou á construción dunha liña de ferrocarril que unía as minas co porto de Ribadeo.

Patrimonio artístico

Image

 

Image

As mostras máis antigas corresponden a conxuntos megalíticos, como os das mámoas de San Miguel de Reinante (Barreiros) e Xudán (A Pontenova) e o menhir do Marco da Pena Verde (Trabada). Da cultura castrexa destacan os castros de Vilamar (Barreiros) e Goios, Rececende e Vilaboa (A Pontenova).

Na arquitectura civil son salientables o pazo neoclásico de Ibañez que hoxe é a casa consistorial de Ribadeo (século XVIII) e a Torre dos Moreno na mesma vila.

Mención á parte merece o conxunto dos fornos de Vilaoudriz (A Pontenova), hoxe declarado parque etnográfico, e que constitúe un interesante exemplo da arquitectura industrial de principios do século XX.

 

Bibliografía

  • Enciclopedia Galega Universal
  • Gran Enciclopedia Gallega
  • Laredo Verdejo, X. L. (1996) Lugo y provincia, Vigo, Edicións do Cumio
  • Laredo Verdejo, X. L. (1998) Galicia enteira. Ferrol, A Mariña e Terra Cha, Vigo, Xerais.

 

 

 

 

Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer