A chaira interior: A Terra Cha

PrinterSend to friendPDF version

Antonio Bernárdez Sobreira

Sendo un territorio relativamente pequeno (29.574 km2) a Galiza presenta unha variedade paisaxística complexa, resultado do proceso de conformación xeomorfolóxica e histórica do país, un zócalo herciniano desgastado e fracturado en zonas altas (montañas erosionadas e relativamente baixas) e baixas (chairas, depresións e vales fluviais). Cada espazo será definido a partir dunhas características físicas, climáticas e humanas, aparecendo pois unha diversidade de bisbarras ou territorios diferenciados, que conforman unha variada <<paisaxe cultural>>. A Terra Chá é un destes territorios, identificable por un tipo físico (a chaira) e humano (o chairego) con riscos propios.

Image

Image
 
Image
 
Image
 
Image
 

Image

 
Image
 
Image
 

Conta a Terra Chá cunha superficie de 1.822,7 km2, distribuídos entre os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade. Prolongación natural dunha unidade física máis grande (a meseta de Lugo), trátase dun espazo xeográfico relativamente baixo (de 400 a 500 ms de altitude media) delimitado polo norte polas serras setentrionais entre as que destaca a do Xistral, polo oeste pola dorsal galega, polo leste polo cordal de Neda e polo sur pola bisbarra de Lugo. Sobre materiais paleozoicos (granitos e xistos) depositáronse sedimentos posteriores (terciarios e cuaternarios) que xeraron unha cuberta arxilosa que se constitúe nun dos sinais de identidade do espazo, a impermeabilidade e a proliferación de zonas húmidas e asulagamentos. Constitúese pois unha paisaxe lixeiramente alombada, que alterna espazos moi chás con suaves outeiros (de feito o topónimo <<Vilalba>>, capital da comarca, fai referencia a unha elevación rodeada de terreos máis baixos), e moi condicionada pola actividade agrogandeira. Esta realidade contribúe a converter Terra Chá nunha zona de gran biodiversidade, polo que case 5.000 ha da comarca foron integradas na Rede Natura 2000 como o LIC Parga-Támoga-Ladra, integrado na Reserva da Biosfera <<Terras do Miño>>.

O nome do LIC vén dado pola complexidade da rede hidrográfica, como corresponde a un espazo deprimido ou foxa tectónica. O principal río da comarca é o Miño, que nace no seu confín leste (Pedregal de Irimia, na serra de Meira) e atravesa a bisbarra cun traxecto sinuoso, con asulagamentos frecuentes como o do espazo natural da Veiga de Pumar. Afluentes e subafluentes do mesmo son o Ladra, o Parga e o Támoga, os máis destacados dunha auténtica rede capilar que combina ríos, regatos e humidais como as lagoas de Cospeito ou Caqué.

A proliferación de espazos húmidos garda relación por outra banda coas características climáticas, integrándose a Chaira no Dominio Oceánico aínda que con matices habida conta do relativo illamento con respecto o mar (continentalidade). Deste xeito atopámonos cunha temperatura media anual de 11ºC, con maior amplitude térmica que a costa e a presenza frecuente de xeadas invernais.

A combinación de factores físicos, climáticos e humanos configurou como xa foi dito un espazo de gran biodiversidade, agora ben, moi degradado polos cambios socioeconómicos dos últimos vinte anos. A vexetación clímax foi alterada ao longo da historia polos procesos de deforestación e agricolización, conservándose manchas de carballos e bidueiros alternadas con áreas de matogueira (toxeiras), progresivamente substituídos por piñeirais de repoboación (e nos últimos anos bosquetes de eucaliptos) e prados. Estes incrementaron tamén a súa presenza pola desecación de humidais, aparecendo un peculiar medio de pasteiros asulagados no inverno (Veiga de Pumar por exemplo). Espazos naturais importantes pola recepción de aves invernantes e a cría de especies raras como os mazaricos ou as avefrías foron desecados no Franquismo para ser recuperados nas últimas décadas (lagoas de Cospeito e Caqué). Por outra banda, son moi interesantes os bosques de ribeira ao longo da rede fluvial capilar (bosques aluviais ou de inundación), unha das razóns máis contundentes para establecer na zona a Reserva da Biosfera.

A Chaira conformou un tipo de poboamento e organización territorial que o xeógrafo francés Bouhier situou nun amplo espazo chamado os <<eidos de agras>>, presente en boa parte da Galiza central e caracterizado pola <<asociación de bloques de cultivos provistos de cerrumes xerais e divididos interiormente en parcelas abertas>> (Bouhier, vol. 1, páx. 235). Atopámonos pois cun poboamento disperso en forma de lugares ou casais alternados con pequenos núcleos e fortemente condicionados pola estrutura agraria, que deu lugar ademais a un tipo de vivenda específico, a <<casa da Terra Chá>>, caracterizada segundo Mariño Ferro e González Reboredo por ser <<unha vivenda ampla, un limpo volume prismático, de muros de lousa, sen edificacións auxiliares e con cuberta a catro augas>> (Mariño Ferro e González Reboredo, páx.444). Os habitantes agrúpanse nas chamadas <<aldeas polinucleares con casarío claro>>, é dicir, con espazos amplos entre casas ocupados con hortas ou campos de cultivo e varios núcleos ou ben nas chamadas <<aldeas nucleares en nebulosa>>, semellantes ás anteriores pero de menor entidade.

Image

Tradicionalmente, as terras eran traballadas cun sistema de barbeito bienal que incluía cereal, millo e patacas. Ademais, a alternancia de terras a monte e cultivos significaba a cría semiextensiva de gando con fins comerciais, ben vacún ou ben equino (produción de mulares). Este sistema tradicional entraría en crise a finais do século XIX e principios do XX dando paso a un modelo cada vez máis intensivo e especializado na cría de vacún, especialmente cos cambios introducidos na segunda metade do Franquismo. Nesta etapa histórica destaca a chamada <<colonización>> da denominada pola autoridade franquista <<Tierra Llana de Castro de Rey>>, pola cal 2800 ha de monte comunal foron expropiadas e parceladas para o posterior reparto entre 189 familias de colonos establecidas en catro núcleos ou centros Cívico-cooperativos, nunha proposta produtiva de fondas raíces mussolinianas. A paisaxe actual da Terra Chá é polo tanto debedora das transformacións produtivas que introducidas polo Estado Liberal no XIX foron profundizadas no Franquismo para dar forma xa nos últimos tempos a un modelo especializado, cunha forte concentración das explotacións e intensamente dependente de insumos externos como fertilizantes e pensos concentrados, o cal redunda asemade en problemas económicos (febleza financieira das explotacións) e medioambientais (contaminación de acuíferos por nitratos).

ImageA identidade rural determinou un poboamento cativo, cunha densidade baixa (25,6 habitantes por km cadrado) que o vai ser máis aínda nos rebordos, zonas altas de transición ás serras. Os cambios agrarios en particular e da sociedade en xeral determinaron tamén que entre 1900 e 2005 a Chaira perdera o 28% da súa poboación, tendo en conta que na metade do século XX acadou o seu máximo demográfico. Falariamos en 2005 dunha poboación total de 46.688 habitantes dos que o 31% serían maiores de 65 anos (fronte a un 9,3% de menores de 15). Polo tanto asistimos a un envellecemento poboacional que segue a tendencia xeral do rural galego. Dita poboación ocupa territorios moi extensos, atopándonos con concellos moito maiores que noutras zonas de Galiza e ademais cunha subdivisión parroquial moi acusada que nos fala da evidente dispersión dos habitantes, Vilalba con 30 parroquias, Castro de Rei con 25, Cospeito con 20, Abadín, Begonte e A Pastoriza con cadansúa 19 parroquias, Guitiriz con 18, Xermade con 10 e Muras con 8.

 

Image

Image

 
Image
 

Image

 
Image

Semella Terra Chá ser xa un lugar de poboamento atractivo desde época paleolítica. Os traballos arqueolóxicos sinalan varios xacementos importantes na contorna, como o de <<Dúas Nenas>> (Vilalba) ou o de Férvedes II (Xermade), que sitúan o establecemento de grupos humanos no Paleolítico Superior. Por outra banda, son tamén destacables os restos megalíticos como a Madorra da Granxa (Castro de Rei), as Medorras da Millarada (Cospeito) ou a Necrópole de Rozas das Modias (Vilalba) así como as abondosas mámoas constatadas nos concellos de Vilalba, Abadín e Muras. De feito, os investigadores sinalan as serras setentrionais galegas da provincia de Lugo (Montes do Buio, Serra do Xistral e da Toxiza), e que constitúen o límite norte da nosa comarca, como un lugar cuxo <<proceso de antropización do medio>> sería confirmado hai xa 6000 anos, en forma dunha intensa deforestación orientada cara a actividade agro-pastoril. Contrastaría esta temperá humanización das serras, vinculada ás economías gandeiras, cun poboamento máis tardío da Terra Chá propiamente dita. O estudo do devandito poboamento vén moi condicionado pola destrución do patrimonio. Segundo o investigador Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez (La Voz de Galicia, 23/2/2005) no ano 1960 estaban censados no noroeste de Terra Chá 220 túmulos ou medorras mentres que no 2000, só quedaban 179, o que supuxo un 18,6% de destrución, que sería debida a actividades como os curtalumes e pistas mailas actuacións agrícolas e forestais. As medorras (ou mámoas) foron concebidas para acoller dentro de seu as antas ou construcións para enterramentos.

O topónimo <<Castro de Rei>> fai alusión á importancia na Terra Chá do poboamento galaico-romano(cultura castrexa), confirmado por outras voces como <<Castromaior>> (Abadín), <<Castro>> (Begonte) ou <<Croa>> (Cospeito), iso si cecais con menor densidade que noutras áreas galegas, como xa constatara Bouhier nos anos 70. Destacarían na comarca os castros de Baroncelle e Terraxís (Abadín), Donalbai (Begonte), Duarría e Ameixende (Castro de Rei), Torrillón (Cospeito), Quenllas do Forno (Guitiriz), Igrexa de Cazán e Regueira (Xermade) ou os 12 cuantificados en Vilalba, pero por riba de todos o castro de Viladonga, en Castro de Rei.

Viladonga constitúe un xacemento de grande importancia arqueolóxica pola cantidade e calidade dos restos atopados, correspondentes á época da dominación romana, fundamentalmente os séculos III-V da nosa era. Escavado desde 1971, conta cun museo monográfico que reúne boa parte dos restos atopados nas diferentes campañas arqueolóxicas e que dan fe dunha poboación chairega romanizada e con fortes vínculos coa metrópole próxima, a capital conventual Lucus Augusti. De facer caso entroutros a Bouhier, sería o período castrexo o que fixaría as estruturas de poboación que van imperar na Galiza posterior.

Semella a Terra Chá unha zona de paso entre a Mariña e a Galiza interior. Os romanos construíron na bisbarra a vía que comunicaba Brigantium con Asturica Augusta, conservándose a ponte de Duarría en Castro de Rei e aparecendo restos (aras, lápidas, villae...) en diferentes localidades. Tamén hai pegadas da presenza xermánica (topónimos como Guitiriz) e incluso da inmigración britona, pois é chairega a parroquia de Bretoña (A Pastoriza), sé episcopal fundada por celtas das illas refuxiados ante a chegada dos anglosaxóns. Sería trala invasión musulmá cando a Terra Chá (e Galiza en xeral) pasa a ser un territorio fortemente feudalizado, tanto con señoríos eclesiásticos (o Bispado de Mondoñedo, os mosteiros de Meira e Lourenzá) como con laicos (Montenegros, Pargas, Andrades). Estes poderes señorais inzaron a Chaira de castelos e casas fortes, os máis deles derrubados tralas revoltas irmandiñas do século XV (Pobra de Parga, Torre dos Andrade de Vilalba, Caldaloba en Cospeito).

No século XIV vai adquirir gran relevancia na comarca a casa de Andrade, natural de Betanzos (A Coruña) e a quen Henrique II de Trastámara cede o señorío de Vilalba, xa na Baixa Idade Media centro neurálxico da Chaira. Os veciños de Vilalba alzaranse na guerra irmandiña de 1431, unha jacquerie baixomedieval que tivo como consecuencia a destrución do castelo vilego, novamente arrasado na segunda guerra de 1467. Reconstruído máis tarde, hoxe é Parador Nacional de Turismo e testemuño da importancia dunha vila que entre os séculos XVI e XVIII vai ser o principal centro administrativo e comercial da contorna.

A importancia da Terra Chá tradúcese nun importante patrimonio artístico e etnográfico. As igrexas, os cemiterios, as casas, os cruceiros, a tradición oral, falan da importancia dunha bisbarra de lonxevo poboamento e onde mesmo contamos con cidades asolagadas, a mítica Veria que algúns sitúan baixo as augas de Cospeito ou a Boedo mergullada en Guitiriz. Mitoloxía ou realidade?

Image

 

Fontes consultadas

  • AAVV, Lic Parga-Támoga-Ladra. Terras de pedra e auga, Lugo, Inludes-Deputación Provincial de Lugo, 2005.

  • BARCIELA GARRIDO, P. e REY SEARA, E., Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Guía práctica para visitar e coñecer o patrimonio arqueolóxico galego, Vigo, Xerais, 2000.

  • BOUHIER, A., Galicia. Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, Santiago, Xunta de Galicia, 2 vols, 2001.

  • CAAMAÑO GESTO, J.M., “Prehistoria de Galicia”, A gran historia de Galicia, Tomo I, Vol. 1, A Coruña, La Voz de Galicia, 2007.

  • CAAMAÑO GESTO, J.M., “A cultura Castrexa”, A gran historia de Galicia, Tomo II, Vol. 1, A Coruña, La Voz de Galicia, 2007.

  • CABEZA QUILMES, F., Os nomes da terra. Topónimos galegos, Noia, Toxosoutos, 2000.

  • CARDESÍN, J.M., “Política agraria y transformaciones en la agricultura gallega: la zona de colonización de Terra Chá (1954-1973)”, Agricultura y Sociedad, nº 44, 1987 (formato PDF).

  • CARDESÍN, J.M., Tierra, trabajo y reproducción social en una aldea gallega (s. XVIII-XX): Muerte de unos, vida de otros, Madrid, Ministerio de Agricultura, 1992.

  • EQUIPO XEA, As comarcas de Galiza, patrimonio natural. Terra Chá, Vigo, A Nosa Terra, 2008.

  • LÓPEZ SÁEZ, J.A. et al., “Neolitización, Megalitismo y Antropización del paisaje en Galicia entre el VII y el IV milenio cal. BC.”, MUNIBE, Nº 32, 2010 (formato PDF).

  • MARIÑO FERRO, X.R., Antropoloxía de Galicia, Vigo, Xerais, 2000.

  • MARIÑO FERRO, X.R. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M., Diccionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Vigo, Nigratrea, 2010.

  • O`FLANAGAN, P., Xeografía histórica de Galicia, Vigo, Xerais, 1996.

  • VILLAR QUINTEIRO, “El paleolítico superior y epipaleolítico en Galicia”, Zephyrus, nº 50, 1997 (formato PDF).
  • PAZO LABRADOR, A. e SANTOS SOLLA, X.M., Poboación e Territorio. As paroquias Galegas nos últimos cen anos, A Coruña, Difux, 1995.

  • REIGOSA, A. (2010): Guía ilustrada da Galicia invisible, Vigo, Xerais.

  • VÁZQUEZ VARELA, J.M., “El paleolítico en el noroeste de la península Ibérica”, SPAL, 9, 2000 (formato PDF).

  • VÉLEZ BARRIO, E. e PEREIRO VIZCAÍNO, M.C., Paraxes naturais de Galicia (II): O interior, Vigo, Xerais, 1998.

  • Voz “Terra Chá” en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, vol.42, Lugo, El Progreso, 2003, pp.11 e ss.

  • Voz “Vilalba” en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, vol.43, Lugo, El Progreso, 2003, pp.233 e ss.

  • gl.wikipedia.org/wiki/Castros_da_provincia_de_Lugo


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer