Ancares

PrinterSend to friendPDF version

Ancares

Neftalí Platas García (Fotos: José A. Armesto)

Image

Datos do mapa © dos colaboradores do OpenStreetMap, CC BY-SA

A comarca dos Ancares está situada na fronteira entre Lugo e León. Cómpre sinalar que aínda que xeralmente se fala por separado dos Ancares lugueses e dos leoneses, ambos os espazos forman unha unidade indivisible pertencente a unha mesma serra. Tanto os montes de Lugo coma os de León forman parte da cordilleira Cantábrica e comparten trazos comúns e múltiples semellanzas de carácter cultural, histórico e antropolóxico.

Xuridicamente, os Ancares están protexidos pola súa consideración de Reserva Nacional de Caza, desde 1966 (na parte leonesa) e 1973 (na lucense). En 1972 declarouse lugar pintoresco toda a serra (Lei 2647 do 18 de agosto).

Cómpre distinguir Os Ancares en sentido amplo e a zona da Reserva en si, considerablemente máis pequena (ocupa 79,77 km cadrados en Lugo e 383 en León). Os Ancares, en sentido amplo, esténdense dende o pico Miravalles, no extremo con Asturias ata o porto de Pedrafita do Cebreiro como unha franxa montañosa que percorre a zona oriental de Lugo e a occidental de León (Os Ancares de Lugo ocupan uns 423 km cadrados e os de León 530 km cadrados).

Image

O clima é atlántico-oceánico de montaña moi extremo e con nevadas intensas. Existe tamén algunha zona con influencia mediterránea. A choiva anual supera os 1000 mm e prodúcese en forma de neve en inverno.

A economía dos Ancares, baseada fundamentalmente no gando, caracterizouse polo autoabastecemento. Por iso a emigración foi xeral dende os anos 60, afectando fundamentalmente a mulleres e mozos, co conseguinte envellecemento da poboación. Por outra parte, a estrutura do territorio pouco accesible, a dureza do clima e a escaseza de actividade económica provocaron o abandono de aldeas enteiras, hoxe completamente deshabitadas. A zona luguesa ten unha densidade media de 12,7 habitantes por km cadrado, índice que se reduce a 5,5 na zona leonesa. A comarca ten algo máis de 26000 habitantes. A maioría vive nun dos 692 pequenos núcleos de poboación illados en numerosas ocasións nos inverno polas nevadas.

Image

Image
 

Image

 
Image
 
Image
 
Image
 
Image
 
Image
 
Image
 
Image
 
Image
 

Image

 

Image

O Medio

Por ser un territorio límite, o solo, a flora e a fauna dos Ancares son moi variados e característicos.

O primeiro vén caracterizado por unha abundancia de rochas, principalmente pizarras, granitos e areniscas que ocasionan un solo ácido.

Son moi abundantes os soutos e as carballeiras onde podemos encontrar castiñeiros ou carballos centenarios así como abundantes matas de acivros que dan o froito do que se alimentaba a pita do monte (urogallo), unha especie protexida e representativa dos Ancares pero que actualmente podemos dala por extinguida. Hai que destacar tamén as matogueiras e en xeral podemos falar dunha gran biodiversidade tanto no eido vexetal como animal, con abondosos endemismos ou especies relictas da era glaciar.

Nos Ancares podemos distinguir o sollío orientado ao sur,onde predominan as uceiras, e o avesado orientado ao norte, ocupado por bosco ata certa altitude.

En canto á fauna, podemos citar xabarís, corzos, cervos, coellos e lebres, cernícalos, voitres, lobos, raposos, gabiáns, curuxas, aguias albelas, esquíos, teixos, gatos monteses, lontras e xinetas. O oso pardo é un visitante habitual, pero non é claro que se reproduza nos Ancares.

O relevo

As alturas máis destacables dos Ancares son a do Cuiña, en zona leonesa, con 1998 metros; Mostallar, con 1935 metros, na zona lucense; e Miravalles, con 1969 metros, na extrema entre Asturias e León. Outros picos importantes son Pico Lanza (1876 metros), Corno Maldito (1848 metros), Pena Longa (1835 metros), Penarrubia (1821 metros) e Tres Bispos (1792 metros).

O río principal é o Cúa, na zona leonesa. Na lucense destaca o Navia, onde abundan as troitas, e ao que aflúen as correntes do Ser, o Cervantes e o Quindous, que logo se espallan por toda a reserva.

A historia xeolóxica dos Ancares é longa e complexa. Os montes formáronse como resultado da oroxenia herciniana (entre 400 e 240 millóns de anos atrás). A serra está constituída por materiais cámbricos, ordovícicos e ordovícico-silúricos, fundamentalmente lousas, pedras de gra e granitos, con algúns afloramentos de cuarcitas nos cumes. Todas estas rochas, despois de seren colonizadas e alteradas, producen un solo máis ou menos arxiloso pero de natureza ácida, característica esta moi importante para o tipo de vexetación existente.

A organización do relevo, moi montañoso e con vales profundos, ocasiona importantes dificultades de comunicación entre os pobos e determina tamén unha forte limitación no uso do solo, dada a extensión que ocupan as pendentes e a pouca superficie de terreo cultivable.

Recursos económicos

Os recursos máis importantes da zona son a agricultura e a gandería. Aquela atópase condicionada polos solos ácidos e pouco evolucionados, polas fortes pendentes que deixan unha superficie escasa para terras de labor e polo predominio absoluto do minifundio e o minúsculo tamaño das leiras. Os rendementos agrícolas son, xa que logo, moi pobres.

Os cultivos organízanse segundo a altitude. No fondo dos vales están as mellores praderías, nas que abundan o millo e as hortas. A media ladeira predominan o centeo (antes abondoso e agora moi reducido) e mailo trigo. Máis arriba, o terreo dedícase a pasteiros. Os cultivos de máis produción son o centeo, a pataca, o millo e mailos nabos, seguidos de lonxe polas cebolas, verzas, xudías, fabas, remolachas e cabazas. Este dous últimos produtos empréganse para manter o gando.

A colleita da castaña e do mel ten grande importancia económica nos Ancares. As colmeas situábanse antano nun recinto circular de pedra chamado cortín, para protexelas do saqueo dos animais, particularmente dos osos. Aínda se poden ver algúns destes cortizais na zona de Navia de Suarna.

A economía dos Ancares baséase no gando, sobre todo no porcino e no vacún. Cómpre comentar que os bois tiveron moita importancia nos Ancares como animais de carga e traballo ata os anos 50. Foron desaparecendo coa despoboación e maila repoboación forestal dado que estaba prohibido levar o gando ao monte.

A gastronomía ancaresa fundaméntase nos produtos naturais e típicos da zona: derivados de porco, queixos de elaboración artesanal, castañas, mel, filloas, produtos de caza e pesca, entre outros.

Notas históricas

Durante o século VIII Os Ancares pertenceu ao reino asturiano de Alfonso I e poboouse con xentes da costa que viñan de Portugal. Máis adiante chegarían os galegos, asturianos, leoneses e mesmo poboación vasca, unha mestura de culturas e pobos que se xuntaron nunha mesma forma de vida debido ao illamento da comarca. Polas montañas das Nogais, Becerreá e Baralla pasaba un pequeño desvío do camiño francés a Santiago de Compostela que aínda conserva unha parte do itinerario que dende Fonfría, no municipio de Pedrafita do Cebreiro, conducía á capital lucense.

Patrimonio cultural

Son moitos os monumentos existentes na comarca ancaresa: castros, castelos, igrexas, pontes,etc. Entre todos destaca a palloza, a vivenda tradicional por antonomasia. Trátase de casas de máis de dous mil anos de antigüidade con planta circular. A súa estrutura é consecuencia directa da xeografía e clima da zona. Levantadas en pedra, o seu teito é de forma cónica, cunha gran pendente que evita que a neve e a agua o sobrecarguen, e a palla da que está construído permite que se filtre o fume, o que fai innecesario o uso de chimeneas. Ademais aproveitan o desnivel do terreo para o vertido das augas residuais. No seu interior ten unha zona para as persoas e outra para os animais o cal permitía usar a calor destes como un sistema de calefacción. Os conxuntos de pallozas constitúen o monumento máis importante dos Ancares e poden admirarse en Piornedo, no Cebreiro, no Campo da Agua e illadamente noutros rincóns da comarca.

Aínda hoxe son evidentes nos Ancares os signos da presenza romana e da súa grande actividade colonizadora. Un quilómetro despois de pasar Liber, na ruta cara a Doiras, están As Pontes de Gatín, onde se conserva unha ponte romana da que a lenda nos di que foi construída polo demo nunha noite.

Tamén se poden observar no horizonte, dende Paradaseca, destacando entre a vexetación, unhas liñas arrubiadas coñecidas como as médulas de Paradaseca. Están situadas en Mirandela, cara a Soto del Rey, e forman parte da rede de explotacións auríferas dos romanos, que traían canalizada a auga dos ríos Burbia e Tejeira. Outra pegada da presenza romana son as numerosas ferrerías que había na zona leonesa, aínda que hoxe se conservan escasos restos.

Etnografía

Os Ancares conservan un importante conxunto de crenzas, lendas e mitos. Un dos aspectos principais da cultura ancaresa é o das crenzas, por medio das cales identifican o home, os animais, as plantas e a terra. O ser humano aparece como un produto da terra onde nace, os animais antropomorfízanse, as plantas considéranse organismos con propiedades femininas e a terra aparece representada como femia fértil que debe ser mantida e curada das súas doenzas.

Culto do lume:

Pegada do antigo culto ao lume é o costume de cubrir o fogar todas as noites e acender o lume do día seguinte co remol da véspera. Deixalo morrer considerábase un sacrilexio, e a desgraza perseguía a casa e os que nela moraban. Para que tal non acontecese, esmerábanse en mantelo vivo durante todo o ano. Considerado deidade protectora, calquera ancarés que se sentise agoniado ou vítima de penas e trafegos procuraba atoparse só ante o lar para avivalo e imprecalo.

En determinados días do ano, botábanlle flores; cando cocían o pan, dábanlle a súa ración e cando comían arredor del, botábanlle algunhas culleradas de graxa para levantar as chamas e avivalo.

Non se podía tirar a el nada sucio, e tíñase especial coidado en que non fosen parar a el as cascas dos ovos, porque con elas queimaron a san Lourenzo. O lume do fogar debe conservarse puro, e non permitían que ningunha acción culpable se cometese na súa presenza. Non só o personificaban senón que tamén lle atribuían a condición dun ser superior que non debía ser ofendido.

Culto ao Sol e á Aurora:

O sol é considerado alma da natureza e fonte de toda vida. Cando a muller muxía as vacas, ofrecíalle á aurora as primicias da colleita colocando unha cunca de leite na ventá que mira ao nacente. Calquera queImage se atopase triste por unha grande desgraza, erguíase, postrábase ante a aurora nacente e imploráballe a súa protección con diversas palabras e fórmulas. A nai de familia tampouco amasaba o pan sen lle ofrecer antes da cocedura unha bola á estrela panadeira (Venus).

O sol purifica e fortalece e por iso todo o producido nas terras da montaña e nas alzadas era considerado máis forte e con máis poder nutritivo có producido nas terras baixas. Así, por exemplo, o colmo producido no alto é o único que posúe a dureza axeitada para teita-las pallozas. Tamén a herba montañesa se considera máis forte para alimentar e curar o gando.

Métodos Curativos

Considerábase que certas doenzas eran provocadas por espíritos maléficos ou por meigas. Os nenos eran protexidos desde o seu nacemento con escapularios e tamén a casa con cruces de Caravaca ou coas palmas benditas do Domingo de Ramos.

Cada doenza tiña o seu remedio. Así, por exemplo, para evitar as lombrices nos nenos, pendurábaselles ao pescozo un amuleto da raíz do lirio.

Empregaban asemade numerosos remedios para os males do gando. Antigamente, se un animal contraía a enfermidade do carbúnculo, non tiña salvación. Cando morría, enterrábano nunha encrucillada, pois a xente considera purificador este lugar. Outro exemplo é que para evitar as pestes do gando, en Candín, dúas persoas situadas a distanza suxeitaban unha estola por cada extremo, mentres os outros obrigaban os animais a pasar por debaixo dela, co cal quedaban sans.

Respecto á fertilidade da terra tamén atopamos numerosas crenzas. As xentes dos Ancares consideran como elementos purificadores da terra o sal, o centeo (que a fertiliza) e os nabos (que evitan a saída de malas herbas).

Culto á LúaImage

A lúa é outro elemento ao que se lle atribúe unha forza especial que actúa sobre todos os seres, con funcións de regulación e control do nacemento e a reprodución, ao tempo que regula a circulación do sangue.

O porco debe matarse de novembro a decembro, coa minguante, porque en xaneiro entra a lúa do ano novo e a carne xa non se conservaría tan ben, porque o sangue derramábase.

Relixiosidade

Santo Antonio é un dos santos que ten máis devotos nos Ancares, pois del depende que o gando enfermo cure, e que o extraviado apareza san e salvo. Tamén se ten moita fe no Santo Milagre do Cebreiro, a quen se ofrecían cando se ían operar ou padecían unha enfermidade grave, e na virxe de Trascastro, patroa do Val de Fornela, a quen acudían descalzos ou de xeonllos para dar as grazas por algún favor recibido.

Tesouros

Nos Ancares hai diferentes contos relacionados con tesouros. Un di que no pico de Miravalles, nunhas covas, hai unhas cadeas de ferro e ouro; outro asegura que en Villasumil por riba de igrexa se atopou un boi de ouro macizo.

Os MourosImage

Tamén hai lendas sobre mouros. Unha conta que no Aire de Reibón (Pereda) hai unhas rochas ocas no interior das cales se oen ruídos e voces, pois alí habitan os mouros en pasadizos subterráneos.

As Ánimas

En Pereda crese que cando alguén está gravemente enfermo se escoita un sinistro redobre de tambor, o tambor da morte, que anuncia o irremisible pasamento do enfermo. Tamén o canto da curuxa é premonición de morte para quen o escoita. En Candín críase na Santa Compaña, que aparecía polo sendeiro que baixa de Villasumil e que viña do outro mundo para redimir os vivos.

Outros Costumes

O lobo foi, e aínda é, un dos animais máis temidos e combatidos dos Ancares. Para loitar contra el empregábanse diversos métodos, como o cortín dos lobos, un foxo con muro de pedra no que se facía caer o animal para despois sacrificalo. Ata hai uns anos aínda se conservaba unha construción deste tipo en Balouta. Tamén no plano relixioso se loitaba contra o lobo mediante rezos para defender o gando ou para averiguar o seu paradeiro.

A caza do lobo e do xabaril efectuábase mediante batidas, lazos, cepos e engados envelenados, que resultaban moi perigosos e prexudiciais porque mataban a calquera outro animal que os engulise. Actualmente só están permitidas as batidas controladas.

 

BIBLIOGRAFÍA

  • González Arias, A.(1995) Guía e Rutas dos Ancares, Galaxia, Vigo.
  • Xiz Ramil, X. (1994), Os Ancares, Everest, Madrid.

 

 


Legal Notice

Image

This page was written by the Spanish team. Only the Spanish team is responsible for its content.
For further information please contact: Jose Armesto o
r María Rodríguez Valcárcel | EPAPU Albeiros
Copyright (c) 2011 by EPAPU Albeiros | Lugo | Galicia | Spain | www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros

Germany

Abendgymnasium Münster Image

www.abendgymnasium-muenster.de
Münster | NRW | Germany

Spain

EPAPU Albeiros

Image

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros
Lugo |  Galicia | Spain

Netherlands

Horizon CollegeImage

Image

www.horizoncollege.nl
Alkmaar | North-Holland | The Netherlands

Greece

 AEOLIS

Image

www.aeolis.edu.gr
Lesvos Island |  Aegean Sea | Greece 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer